21 de xuño de 2018

A GUARDA

Ampla programación de actividades para esta fin de semana na Guarda  

· Teatro, obradoiros para nenas/os, fogueiras de San Xoán, gastronomía, actuacions musicais, encontro de palilleiras,...


Jorge Alonso / A Guarda

 A Guarda prepárase para unha fin de semana chea de actividades para todos os gustos e todas as idades cunha ampla programación cultural e festiva.  

 Programación para o venres 22 de xuño
  

 O Centro Cultural da Guarda acolle ás 20:00 horas, a obra de teatro “O Anel Máxico”, obra escrita por Cándido Pazó, que porá en escea o Grupo de Teatro do IES A Sangriña.


 Destaca tamén nesta xornada o concerto de Liquen, integrado no programa musical “Música nas Prazas” ás 22:00 horas, na Praza de Salcidos. 


 Ás 22:30 horas, realizarase a primeira actividade da III Festa Castrexa, que consistirá nunha queimada popular na Rúa Cervantes (A Botica).  

Programación para o sábado 23 de xuño 


 Ás 12:00 horas, a Biblioteca Municipal da Guarda acolle unha nova edición de Contos Contados con teatro musical, maxia e circo con Payaso Piruleta. 

 A III Festa Castrexa congregará un bo número de actividades nesta xornada. Ás 11:00 horas, a Alameda da Guarda acollerá un obradoiro de espadas da man de AGUDE e ás 16:30 horas realizaranse dous obradoiros de espadas e cabaliños, no Auditorio de San Bieito e na Rúa Cervantes (A Botica) respectivamente. 


 A partires das 21:00h a actividade céntrase no recinto do antigo Estadio do Tecla con oferta gastronómica e actuacións do Grupo Folk Na Revolta ás 21:30 horas´. 

 Ás 23:00 horas acenderase unha gran fogueira e ás 24:00 horas comezará á actuación do Grupo Abóbriga. 

 As tradicionais fogueiras de San Xoán congregarán pola noite a un bo número de veciños e visitantes en diferentes espazos do municipio, lume e meigas nunha noite especial ao carón das fogueiras. 


 O Centro Social O Fuscalho organiza tamén o Solsticio de verán ás 23:00 horas a carón da Atalaia do Porto de A Guarda, que contará coas actuacións de Os Carballas e Zurrumalla, cunha foliada popular coma remate. 

Programación para o domingo 24 de xuño
  

 O domingo 22 de xullo a Asociación “Os Amigos” de Camposancos organiza o XIV Encontro de Palilleiras que congregará a máis dun centenar de persoas no Casino, un evento xa consolidado tal que como afirmou a súa organizadora Loli Portela, no que tamén se realizan sorteos e regalos de produtos para os asistentes. 

 A inauguración oficial será ás 12:00 horas, e o evento realizarase entre as 10:00 e as 19:00 horas.   

 Na programación da III Festa Castrexa a partires das 11:00 horas, o campo de fútbol Novo Chans no Monte Santa Trega será escenario de diferentes actividades coma unha mostra de artesanía e unha andaina guiada por Miguel Reboredo. 

 Ás 12:30 horas realizarase a lectura do pregón a cargo de Francisco Álvarez (Koki) e xantar con música e actuacións de baile a cargo de grupos da Guarda. 

 Ás 15:30 horas terá lugar unha exhibición de escultura e talla de madeira con motoserra e xogos populares para nenos e maiores. 

 Para pór o broche final a esta terceira edición ás 19:00 horas, actuación de grupos de baile da localidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario