2 de xuño de 2018

A GUARDA

A Guarda ofrece visitas guiadas regulares e gratuítas ao Monte Santa Trega en xuño  

Vista parcial do poboado Calvo, no Monte Santa Trega (A Guarda), un dos lugares máis visitados de Galicia
Foto: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O Padroado Municipal Monte Santa Trega e a Concellería de Turismo do Concello da Guarda veñen de pechar o novo calendario de visitas guiadas regulaes e gratuítas ao Monte Santa Trega para este mes de xuño, cunha oferta de tres diferentes percorridos.   

 Aquelas persoas que desexen realizar unha visita guiada completa polo emblemático monte e coñecer máis polo miúdo o seu valor arqueolóxico, relixioso e paisaxístico,  poderán participar nas saídas que partirán cada sábado ás 12:00 h e ás 18:00 h do castro.  Dende alí, as e os participantes percorreran primeiro o poboado, para máis tarde subir á cima do monte e visitar a ermida de Santa Trega e o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT). Esta visita terá unha duración aproximada de 90 minutos.   

 Ás 11:00 e ás 17:00 h dos sábados ofrecerase a oportunidade de realizar unas visitas guiadas centradas únicamente no castro, cunha explicación do xacemento arqueolóxico de 30 minutos de duración. 
  
Monitora e visitantes participantes nunha das visitas guiadas

 Completando a programación, este ano ofertaranse visitas guiadas especiais polo barrio de Mergelina, no que recentemente se comezaron os traballos de restauración e consolidación. Este percorrido terá lugar os xoves con saída ás 17:00 h dende a Casa Forestal. Os e as participantes poderán coñecer os traballos realizados polos arqueólogos e aproximarse ao estilo de vida dos poboadores do castro, grazas aos traballos de excavacións realizados hai dous anos.    



 As persoas interesadas en participar deberán presentarse á hora de saída no punto de encontro indicado. Malia que as visitas son gratuítas, compre ter en conta que o taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para as persoas adultas e de 0,50€ para os e as menores de 14 anos. Os grupos formados por máis de 10 persoas deberán reservar a súa visita previamente chamando ao Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (986 610 504).   

 Próximamente anunciarase o novo calendario de visitas guiadas gratuítas para os meses de xullo e agosto de 2018, con horarios ampliados. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario