A 18ª edición do Correlingua vai ter lugar en Vigo o vindeiro mércores día 16 de maio
Baixo o lema: “A LINGUA NON PARA”, doce carreiras pola lingua percorren 12 localidades galegas entre o 2 e o 16 de maio.
Correlingua / Vigo
A edición 2018 do Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña xunto coa Deputación de Lugo, A Coruña e a de Pontevedra, entre outros, comezou o luns 2 de maio en Bueu e remata na nosa cidade o 16 de maio. O Correlingua, percorre doce localidades galegas entre o 2 e o 16 de maio, baixo o lema: “A lingua non para”.
O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de video, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.
A marcha, que terá lugar en Vigo, o día 16 de maio, sairá da Praza do Concello ás once da mañá para rematar no Parque de Castrelos, nunha festa final en que se dará lectura ao manifesto gañador e na que actuará un dos grupos gañadores do Cantalingua: Oh Ayatollah. Para @s máis pequen@s desde as once da mañá actuará, no propio parque, Pakolas.
Nesta edición participarán 2.000 alumn@s de 22 centros de educación infantil, primaria e secundaria de Vigo, Mos, As Neves e Gondomar. Como todos os anos contaremos, para conducir a actividade, cunha persoa de relevo na cultura galega e que, no seu día a día, defende a nosa lingua, como é o caso de Cé Orquestra Pantasma.
Dará a saída á marcha na praza do Rei, ás 10:50, o alcalde de Vigo Abel Caballero e a Concelleira de normalización lingüística Uxía Blanco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario