PRESENTACIÓN DE GALIZA, un país de primeira
A beneficio de GaliciAME, Asociación contra a Atrofia Muscular Espiñal
Infogauda / Santiago de Compostela
Adela Leiro e Mon Daporta, docentes de Cambados, son os autores do libro editado para recadar fondos con destino á investigación da atrofia medular espiñal, que se presenta no Museo do Pobo Galego mañá xoves 31 de maio ás 19h30.
GaliciAME é unha asociación creada para a loita polas persoas afectadas de atrofia medular espiñal, unha desas enfermidades raras ou pouco coñecidas que precisan de fondos específicos para avanzar na investigación do seu tratamento. Nestes momentos está aprobado en Galicia un medicamentos experimental que está a dar bos resultados.
Adela Leiro Lois e Mon Daporta Padín, profesores xubilados de Cambados, autores de diferentes traballos de divulgación sobre o país, en especial de natureza, recollen nesta obra un mostrario de aspectos destacados da nosa terra. Un percorrido polas súas singularidades. Unha homenaxe ao noso país, tan querido e tan pouco coñecido. Un país que moitos e moitas amamos porque é o territorio no que nacemos, o que nos proporciona os recursos para vivir, unha identidade, uns usos, un xeito de facer e un idioma para comunicarnos… Un recordo e un recoñecemento ás súas xentes, de todos os tempos.
Galicia é un país de primeira porque ten moitas cousas das que sentir fachenda. Unha natureza vizosa, variada, con espazos e especies únicas. Un territorio rico en recursos excepcionais e persoas emprendedoras e creativas. E o Museo do Pobo Galego, unha das institucións comprometidas coa sociedade galega, abre os seus espazos para colaborar nesta iniciativa solidaria.
Participarán no acto Montserrat Prado Cores, autora das entradas do libro, Adela Leiro Lois, autora, Merchi Álvarez Fernández, presidenta de GaliciAME, e Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario