Os Bolechas presentan “Xeitos de falarmos galego”
· Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá participaron esta mañá
en Pontevedra na inauguración dunha exposición itinerante sobre o galego e as
variedades dialectais
· “Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego”
transforma o universo Bolechas nun percorrido interactivo para coñecer e
divertirse coa riqueza do noso idioma
Ademáis dos Bolechas, tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, o alcalde da localidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e representantes da Editorial Bolanda, Antonio Couto, Teresa Rocamonde e Tomás Valín.
Infogauda / Pontevedra
A praza de Montero Ríos en Pontevedra acollerá ata o vindeiro 29
de maio a carpa coa mostra didáctica “Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de
falarmos galego” coa que a Deputación de Pontevedra pretende achegar, a través
do universo Bolechas, a riqueza do idioma galego a todas as comarcas da
provincia.
A exposición
foi inaugurada coa presenza dos Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e
Tatá que, xunto con Chispa, achegáronse ata a capital da provincia para darlles
a benvida a todos os nenos e nenas que se congregaron na praza de Montero Ríos.
Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a deputada
delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, o concelleiro de Xuventude, Alberto
Oubiña, o alcalde da localidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e representantes
da Editorial Bolanda, Antonio Couto, Teresa Rocamonde e Tomás Valín.
A riqueza do
idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades
temperás foi o fío condutor de todas as intervencións do acto oficial de
apertura. Xosé Leal indicou que “son os nosos pais, nais, avós e avoas as que
preservaron realmente o idioma e as que conseguiron que se manteña vivo ata
hoxe en día con todas as súas especificidades”. O deputado de Cultura e Lingua
asegurou que é necesario familiarizarse e aprender o galego que se fala en
diferentes partes do país e parabenizou á cativada que asistiu ao acto de
inauguración por ser “os primeiros, os que estreades esta exposición, que
despois se desprazará polo resto das comarcas”.
Pola súa
banda, o alcalde asegurou que “a lingua é algo fundamental e característico das
persoas humanas” e puxo de exemplo unha sentenza de Castelao na que afirmaba
que “para idioma universal xa está o que falan os animais, as persoas temos a
lingua que nos é propia, que é a nosa bagaxe cultural característica do lugar
no que vivimos”. Miguel Anxo Fernández Lores aseguroulle aos rapaces e rapazas
que “temos que defender a nosa lingua, e unha forma de defendela é xogando e
falándoa con total normalidade”.
Antonio Couto
explicou, en nome da Editorial Bolanda, que acometeron esta proposta expositiva
“porque encaixa ao 100% co ADN dos Bolechas” e indicou que “moitos nenos teñen
o seu primeiro contacto coa lingua galega a través dos Bolechas”. Antonio Couto
asegurou que “ademais de todos os compoñentes divertidos, a mostra ten un
marcado carácter didáctico e pedagóxico” e defendeu “a riqueza e a diversidade
da nosa lingua como un patrimonio inmaterial”, ao tempo que parabenizou ao
departamento provincial de Cultura e Lingua por crear esta proposta e achegala
por toda a provincia.
A exposición,
tras arrancar en Pontevedra, fará paradas en Lalín e en Vilagarcía no mes de
xuño, e no outono continuará por Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas, Tomiño,
Ponteareas e Vigo. Pola mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a
través dos centros educativos –os centros educativos que desexen concertar
visitas poden dirixirse ao enderezo electrónico osbolechas@osbolechas.com ou no
teléfono 981 569 155-, e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario
de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados,
domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.
A exposición
Ademais de
todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos, a mostra coida especialmente os
elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial.
Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros
e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura.
O percorrido
estruturase en diferentes áreas. A primeira sitúase xa na entrada coa ‘Porta
das palabras’, onde os rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto
toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha
ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle 'A xanela‘ con paneis
para xogar coas variedades dialectais do idioma; e o ‘Toque-toque’, unha zona
táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O
eixo central é o ‘Faladoiro’, concibido como o gran teatro dos diálogos nun espazo deseñado como unha
aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras
dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os
audiovisuais. Continua coa sección ‘A
mergullarse’, unha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras
que deben atopar e encestar no caixón correspondente; coa sección ‘As nubes’,
unha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a
aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; ‘Cantareira’ a modo de gran
karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais;
‘Afouteza’, unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de
destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último,
“Chan”, o gran mapa da linguas concibido como un xogo xigante da oca no que o
taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e
cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.
Ademais a
mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades
didácticas deseñadas ad hoc a modo de
caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e
vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado
polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.


Ningún comentario:
Publicar un comentario