A Agrupación Musical do Rosal celebra esta fin de semana o seu Concurso de Xoves Intérpretes “Antonio Granja”
Entre o sábado e o domingo participarán no certame 35 xoves músicos. Na súa categoría C participarán intérpretes de toda Galicia e tamén chegados de Portugal.
Informa: Agrupación Musical do Rosal
O certame, do que este ano se celebra a cuarta edición, naceu coa intención de ofrecer un estímulo máis no estudio dos rapaces e rapazas da escola de música da Agrupación. O concurso consta de tres categorías. Dúas delas están destinadas a alumnado da propia escola de música ou compoñentes da Agrupación Musical do Rosal (de 10 a 12 anos a categoría A, e de 13 a 16 anos a categoría B). A terceira categoría, a C (de 17 a 23 anos) está aberta, dende a anterior edición, a intérpretes de calquera procedencia. Esta categoría terá como atractivo, aparte dos tres premios (de 500, 300 e 200 euros), que o gañador terá a oportunidade de actuar como solista coa Banda da Agrupación nun concerto posterior. O concurso trata desta maneira de ser un estímulo a xoves estudantes de música de calquera procedencia, e ten como obxectivo converterse nun referente a nivel galego.
As categorías A e B terán lugar este sábado día 26 (17:30 e 19:00 horas respectivamente); a categoría C desenrolarase o domingo día 27 e constará de dúas fases: unha eliminatoria (que comezará ás 11:00 horas), e a fase final (ás 19:00 horas) onde sete finalistas competirán polos tres premios. Todo isto terá lugar no Auditorio Municipal do Rosal, sede da Agrupación. Esta 4ª edición do concurso conta coa inestimable axuda de, aparte do Concello do Rosal, de numerosas empresas e comercios locais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario