18 de maio de 2018

O PORRIÑO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INICIA AS OBRAS DA GLORIETA QUE REORDENARÁ O TRÁFICO EN A COSTEIRA NO CONCELLO DE PORRIÑO  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que xa se derrubaron a marquesiña do bus e os galpóns expropiados e que a actuación poderá estar rematada en xullo se non xorden complicacións   

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vén de iniciar nesta semana as obras da nova glorieta de ordenación do tráfico no cruce da intersección da estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño
Foto: D. P.

Infogauda / O Porriño

 O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vén de iniciar nesta semana as obras da nova glorieta de ordenación do tráfico no cruce da intersección da estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño con dúas vías municipais no lugar de A Costeira, en O Porriño. Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, xa están derrubadas a antiga marquesiña de autobús e os galpóns expropiados para ampliar a zona de actuación, e tamén se están a realizar estudos sobre as canalizacións existentes na zona co que o persoal técnico denomina unha ‘toupeira’. Estímase, segundo o nacionalista, que se non se producen complicacións a obra poderá estar rematada no mes de xullo.   

 Hai que lembrar que as obras en A Costeira estaban paralizadas debido a que no momento en que a empresa adxudicataria, Construcciones Vale S.L., asinara o contrato e presentara a acta de replantexamento había unha climatoloxía moi adversa debido á chuvia. Unha vez mellorou o tempo a actuación comezou tan pronto a empresa estivo dispoñible.  

 O orzamento global do proxecto ascendeu a 220.336,36 euros, sendo 21.534 euros destinados a expropiacións e o resto á execución da obra. Finalmente a licitación pechouse por un prezo menor: 132.719,68 euros.   

 Os traballos consisten na instalación dunha nova glorieta para reordenar o tráfico, suavizar o trazado e mellorar as condicións de visibilidade e manobra dos vehículos. Foi necesario ocupar dúas parcelas privadas e unha municipal, e víronse afectadas dúas construcións, un alpendre-almacén e unha marquesiña de bus na parcela municipal, cuxa demolición e nova instalación se incluíu no orzamento do proxecto.  

 Urbanizarase a zona con novas beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitaranse pasos de peóns e a limitación específica de velocidade baixará de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se instalarán oito novas luminarias tipo led que garantirán a correcta visibilidade na intersección.

Ningún comentario:

Publicar un comentario