29 de maio de 2018

MADRID

Máis de duascentas persoas pasaron pola Casa de Galicia para coñecer as novas referencias  

XORNADA EMPRESARIAL DE  VIÑA COSTEIRA NA DELEGACIÓN DA XUNTA DE GALICIA EN MADRID COA PRESENTACIÓN/ SHOWROOM DOS NOVOS PRODUTOS ANTE MEDIOS E PROFESIONAIS DO SECTOR 

Máis de duascentas persoas pasaron pola Casa de Galicia para coñecer as novas referencias  
Foto: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu hoxe a Presentación/ showroom das adegas  Viña  Costeira e Pazo de  Toubes, unha xornada con catas dirixidas exclusivamente a medios e profesionais do sector para dar a coñecer os novos produtos. Máis de duascentas persoas tiveron a oportunidade de coñecer as novas referencias ao cumprirse medio século de Viña Costeira, así como o novo deseño da etiqueta, cos pequenos cadros, “unha homenaxe aos  minifundios e aos  vinateros da zona, verdadeiros heroes que seguen traballando a man”. 

 José Ramón Ónega, delegado da Xunta en Madrid e director da Casa  de Galicia  deu a benvida aos integrantes do equipo de  Viña  Costeira e dirixiulles unhas palabras para desexarlles “todos os éxitos do mundo. Estades na vosa Casa e así nos gustaría que vos  sintirades”, á vez que lles comentou que o viño estivo sempre presente na súa vida, dado que provén dunha familia de  vinateiros en Mosteiro, Pol, “que non é terra de viños e por iso ían compralos ao Bierzo”. Pola súa banda, o presidente da Cooperativa, Andrés Rodríguez, agradeceu “tanto o ofrecemento como as facilidades dadas. Estamos seguros que con estes ingredientes vai ser unha xornada moi intensa e produtiva”. 

 Ademais do presidente de  Viña  Costeira, acudiron á Casa, a directora Comercial, Inmaculada  Bernal; a delegada en Madrid da compañía, Helena Hermoso; e o enólogo Manuel Sánchez. Todos eles explicaron aos asistentes as características propias dos diferentes viños, espumosos e augardentes.  Viña Costeira supón o 40 por cento da  DO Ribeiro; conta cuns 600 pequenos produtores; cada ano a colleita ofrece máis de catro millóns de botellas e é o viño branco máis consumido en Galicia. Ademais, e diso síntese especialmente orgullosa a directora comercial Inma  Bernal, “en 2017 foi elixida como mellor adega do ano polos internautas de Verema. ¡Como para non estalo!”. 

 Desde hai dous anos adquiriron unha nova adega, Pazo de Toubes, do século  XVIII, con cepas plantadas en terrazas de pedra e que produce os viños da gama máis alta.  

 Cada ano reciben unhas dez mil vistas porque contan cun equipo de enoturismo permanente. “Pechamos en Nadal, Ano Novo e pouco máis”, sinala  Bernal. 

 A xornada, que se iniciou ás 12 e finalizou pasadas as 21 horas, estivo amenizada pola tarde polo dúo de jazz  Damy Soul.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario