23 de maio de 2018

A GUARDA

O BNG presenta unha moción na Guarda para o mantemento dunhas pensións dignas  

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda: “O BNG lembra que ás pensións son o único ingreso que entra en moitos fogares ou son unha parte fundamental”  

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou unha moción no Concello da Guarda solicitando o mantemento dunhas pensións dignas para os galegos e as galegas.  

 Para o BNG as dúbidas que se están a xerar arredor da viabilidade do sistema público de pensións son interesadas para favorecer precisamente os plans privados e seguir no camiño de recorte das pensións públicas.  

 As reformas laborais promovidas, durante os anos 2010, 2011 e 2012, por gobernos do PSOE e PP, respectivamente, o atraso da idade de xubilación aos 67 anos, a ampliación a 25 o número de anos para calcular a base reguladora, o atraso da idade de acceso á xubilación anticipada,... son medidas orientadas a dificultar o acceso e reducir a contía das prestacións do sistema público de protección social, ao tempo que se fomenta a súa privatización.  

 “Estas medidas son especialmente mesquiñas en Galiza, xa que temos as pensións máis baixas do Estado español, e unha maior porcentaxe de pensionistas en relación á súa poboación. As pensións son o único ingreso que entra en moitos fogares ou son unha parte fundamental. Ademais súmase a outras medidas tamén tremendamente inxustas , como son o copago polos medicamentos, polas residencias, a suba do IVE, da auga, da luz, dos carburantes…”, afirmou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda.  

 O BNG solicita na moción a derrogación das reformas laborais que tanto dano teñen feito ao pobo, así como a aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos, o recoñecemento do dereito á xubilación ordinaria aos 65 anos, así como a actualización anual das pensións ao IPC, entre outras medidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario