17 de maio de 2018

A GUARDA

A Guarda celebra o Día dos Museos 

Con visitas guiadas gratuítas polo Monte Santa Trega  


Vista parcial do estratéxico xacemento arqueolóxico do Monte Santa Trega (A Guarda), un dos enclaves máis visitados do Noroeste peninsular

Sara Alonso / A Guarda

 Para conmemorar o Día Internacional dos Museos, a Concellería de Turismo do Concello da Guarda organiza unha xornada de visitas guiadas gratuítas polo Monte Santa Trega. As actividades levaranse a cabo durante a mañá e a tarde do sábado 19 de maio con tres formatos, dependendo da súa duración e percorrido. 


 Así, aquelas persoas que desexen participar nunha visita guiada completa polo monte, poderán participar na saía que partirá ás 17:00 horas do castro. Dende alí, as e os participantes percorreran primeiro o poboado, para máis tarde subir á cima do monte e visitar a ermida de Santa Trega e o MASAT.  

 Ás 11:00 e ás 16:00 horas comezarán as visitas de 30 minutos de duración centradas no castro, cunha explicación do xacemento arqueolóxico. Completando a programación, ofertarase unha visita guiada especial polo barrio de Mergelina, no que recentemente se comezaron os traballos de restauración e consolidación. Este percorrido comezará ás 12:00 horas dende a Casa Forestal e estará guiado polo arqueólogo Rafael Rodríguez, director dos traballos que se están a desenvolver neste sector do poboado.  

 As persoas interesadas en participar deberán presentarse á hora de saída no punto de encontro indicado. Malia que as visitas son gratuítas, compre ter en conta que o taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para as persoas adultas e de 0,50€ para os e as menores de 14 anos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario