11 de maio de 2018

A GUARDA

A Guarda celebrará a súa XI Feira do Libro o domingo 20 de maio 

A undécima edición da Feira do Libro da Guarda celebrarase o vindeiro domingo 20 de maio na Praza do Reló
Foto: C. A. G.

Sara Alonso / A Guarda

 A undécima edición da Feira do Libro da Guarda celebrarase o vindeiro domingo 20 de maio na Praza do Reló. Alí, entre as 11:00 e as 20:00 horas, librerías guardesas e da comarca ofrecerán o seu material cun desconto do 20% sobre o seu prezo orixinal.   


 A xornada completarase cunha variada programación cultural e de ocio para todos os públicos. Así, os cativos e cativas poderán participar nos obradoiros infantís que se celebrarán na praza entre as 11:30 e as 13:30 horas. Os e as participantes no curso de monitor/a de tempo libre organizado polo Concello da Guarda serán os encargados de amenizar a mañá aos máis pequenos, con xogos e diferentes actividades lúdicas.   

 Chegadas ás 12:30 horas, as persoas adultas poderán sumarse á festa na sesión vermú a cargo do grupo de hot jazz Low Bay Hot Band. Xa pola tarde, entre as 16:30 e as 18:30 h, as familias poderán compartir un espazo de diversión da man da empresa Brazolinda, que traerá ata A Guarda os seus orixinais xogos de mesa en galego, aptos para crianzas dende 1 ano.  

 O grupo de música infantil e familiar Mamá Cabra será o encargado de pór o broche de ouro a esta xornada de exaltación da cultura, cunha actuación que dará comezo ás 18: 30 horas. Ao remate do concerto, os membros do grupo asinarán discos a todas e todos aqueles que se acheguen cos seus exemplares. Tras a actuación de Mamá Cabra, ademais, todas as persoas presentes poderán participar nun sorteo con lotes de libros, camisetas, obras de María Victoria Moreno e outros agasallos de Mamá Cabra e David Regueiro, de Low Bay Hot Band.   

 As librerías participantes nesta nova edición da Feira do Libro guardesa serán Atlántica, Ler e Cervantes (A Guarda), Ideas (O Rosal) e Libraida (Gondomar). 

 En caso de choiva, as actividades trasladaranse á Casa dos Alonso. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario