22 de maio de 2018

A GUARDA

A XI Feira do Libro enche a Praza do Reló con libros, música e actividades lúdicas  

As librerías participantes, ledas polo resultado da xornada, venderon preto de 500 exemplares  

Centos de persoas achegáronse á feira, non só para mercar libros, senón tamén para participar nas numerosas actividades programadas como complementos á festa literaria
Fotos: C. A.G.

Sara Alonso / A Guarda

 A tradicional Feira do Libro da Guarda pechou o pasado domingo, 20 de maio, a súa undécima edición cun agradable sabor a éxito. As librerías participantes (Atlántica, Ler, Cervantes e Ideas) venderon preto de medio millar de obras -especialmente, novela e literatura infantil e xuvenil- durante a xornada, que comezou ás 11:00  e rematou pasadas ás 20:00 h. nunha Praza do Reló en constante movemento.   


 Centos de persoas achegáronse á feira, non só para mercar libros, senón tamén para participar nas numerosas actividades programadas como complementos á festa literaria. Así, pequenos/as e maiores congregáronse fronte á casa do concello para gozar dos obradoiros infantís dirixidos durante a mañá polo alumnado do curso de monitor/a de tempo libre organizado polo Concello da Guarda. Un bo número de cativos, cativas e tamén adultos animáronse a elaborar marcapáxinas, selos estampables e cadernos personalizados que levaron consigo de lembranza. 

Pequenos/as e maiores congregáronse fronte á casa do concello para gozar dos obradoiros infantís

 O grupo Low Bay Hot Band amenizou o mediodía co seu hot jazz, do que gozou o variado público, namentres xa pola tarde retornaron as actividades  familiares coa oferta de xogos de mesa de Brazolinda. Decenas de persoas ocuparon as mesas dispostas da praza para facer uso dos orixinais xogos, todos eles en galego e aptos para crianzas a partir dun ano. A actividade, inicialmente programada para ser celebrada entre as 16:30 e as 18:30 h, estendeuse ata ben entradas as 20:00 h, dado o seu grande éxito entre o público.  

O grupo Mamá Cabra e a súa música infantil tomaron a praza

 Tamén cunha excelente acollida, o grupo Mamá Cabra e a súa música infantil tomaron a praza para ofrecer un concerto ante decenas de asistentes -especialmente, cativos e cativas coas súas familias- que gozaron do espectáculo e mesmo se animaron a bailar.    

 Ao remate da xornada, realizouse o sorteo de tres lotes delibros, camisetas, obras de María Victoria Moreno e outros agasallos de Mamá Cabra e David Regueiro (de Low Bay Hot Band) entre aquelas persoas que tiñan mercado algún libro na Feira.   

Boletos premiados: 
2222 – Librería Ideas (recollido) 
2401 – Librería Cervantes (recollido) 
2281 – Librería Ideas (pendente)  

 A persoa posuidora do boleto número 2281 poderá recoller o seu agasallo no departamento de Cultura do Concello da Guarda entre as 9:00 e as 15:00 horas ao longo desta semana. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario