27 de abr. de 2018

VIGO

O IGAFA despide a cría de lobo mariño cinsento Guardesiña que regresa ás augas de Irlanda tras a súa recuperación 

O lobo mariño permaneceu no IGAFA algo máis dun mes para pasar a segunda fase da súa recuperación

Este lobo mariño, de 85 cm de lonxitude, apareceu na costa da Guarda o 14 de xaneiro 

Infogauda / Vigo

 O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) despide mañá á cría de lobo mariño Guardesiña, que iniciará o seu regreso desde o porto de Vigo ao mar de Irlanda tras a súa recuperación no centro. Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo a Xunta desde o ano 2003 coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), para a recuperación dos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.  

 O lobo mariño permaneceu no IGAFA algo máis dun mes para pasar a segunda fase da súa recuperación. Este lobo mariño, de 85 cm de lonxitude, apareceu na costa da Guarda o 14 de xaneiro e foi trasladado á UCI do CEMMA, onde acadou os 21 quilos de peso. Tras unha evolución favorable no CEMMA comezou a segunda fase de recuperación no IGAFA, unha recuperación que remata mañá e na que o lobo acadou os 30 quilos de peso, recuperou a súa hidratación e nutrición e mellorou a afección respiratoria que padecía.  

 A manutención e a atención sanitaria do mamífero correspondeulle ao CEMMA, contando coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do IGAFA. Ademais, aproveitouse a estadía da cría de lobo mariño para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños e a concienciación medioambiental.  

 Cabe lembrar que o IGAFA xa ten participado na recuperación doutros cinco exemplares de crías de lobos mariños nos anos 2013, 2014, 2016, 2017 e outro este ano. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e de adquisición de coñecementos para o mantemento e a recuperación de mamíferos mariños.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario