TEMPO DE CHUVIA: RELEMBRANDO OS INVERNOS DE OUTRORA
O río Carballas o seu paso polas Pozas, de Loureza
Fotos: Santiago Baz Lomba
Ricardo Rodríguez Vicente
Este inverno é como os de antes. Quero decir, daqueles de cando éramos rapaces e había que pórlle proa o vento e a chuvia para avanzar cara á escola, con aquelas botinas de coiro tinguido de cor marrón, que o meu pai mercara en Calzados Giráldez - moitos xa nin vos lembrades dese establecemento - que estaba na rúa Oliveira Salazar - máis tarde rúa Pontevedra e hoxendía rúa de Galicia - e que levabámos cáseque a cotío, dende o outono ata finais da primavera.
Daquela a chuvia era tan abondosa que os camiños estaban lamacentos, uns, e cáseque asolagados pola auga, outros. Pola estrada do Castro, a auga burdaba polas cunetas que había, e fronte a casa de Vicente Lomba Alonso, a estrada reventaba pola auga que agromaba. Lembramos que por causa diso, o camión de Español y Pérez, S. R. C., quedou "cravado" nese lugar, e tiveron que chamar "O Lughés", para que coa axuda da parella de bois que tiña, sacase o devandito camión que ficara cos eixos fincados no chán. Tamén lle aconteceu a algún outro camión, a pesares que daquela o tráfego por esa estrada non era para comparar co de hoxendía.
Nos anos 60 do pasado século, os invernos eran moi crús. Senón que llo digan os vellos pescadores das gamelas, que pasaban semanas enteiras sen poder saír a faenar o mar. Tanto era así, que moitos adoitaban levar a gamela para o río, para aproveitar a tempada do sable e da lamprea, sobrevivindo, quen podía, a base de peixe de coiro, curado o sol do verán precedente.
E por terras de Oia, desde o alto dos cumes da Serra da Groba, en dirección o Val do Rosal, para entregarse no Tamuxe, o pai Miño, o río Carballas baixaba vizoso, brincando entre ameneiros e bidueiros, con fartura de auga, forza motriz de balde, para os vellos muiños cantareiros.
A auga é fonte de vida. De tódolos xeitos, compre relembrar que a auga que corre nestes días entre casaríos e prados, ainda non acertamos a aproveitala como sería convinte, motivo polo cal, debemos ter en conta que máis adiante virán meses de seca e debemos aprender desde xa, a facer un uso responsable dese prezado líquido. Sobor de todo, non estragando auga innecesariamente, non botando o río o que nos estorba na casa, e usando a billa con sentidiño.
Nestes días en que estreamos primavera, o fotógrafo guardés Santiago Baz Lomba, botouse monte arriba para captar coa súa cámara fotográfica á beleza, dinámica, expresiva e suxerente, do río Carballas. Desde enclaves cáseque virxes - paisaxística e xeolóxicamente falando - como As Pozas, de Loureza, ata o Pozo do Demo e o Urgal, no Rosal.
E dese xeito, tamén nos convida a achegarnos e disfrutar do espectáculo, natural e gratuito, da auga. Relembrando os invernos de outrora que neste 2018, voltaron onde a nós, logo de unha serie de anos consecutivos nos que o cambio climático fíxose notar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario