O titular da Xunta de Galicia presidiu esta tarde os actos conmemorativos do DXXV Aniversario da Arribada da Carabela Pinta
Feijóo refírese á Arribada como a proba de que Galicia é unha terra aberta que sabe que a mestura e a unión só poden desembocar nun beneficio común
Lembra que a Comunidade galega continúa a ser un punto de encontro: primeiro a través do espírito emprendedor dos emigrantes e, agora, a través das empresas galegas, internacionalizando a marca Galicia alí onde operan
O titular da Xunta presidiu esta tarde os actos conmemorativos do DXXV Aniversario da Arribada da Carabela Pinta
Infogauda / Baiona
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao espírito da Arribada como a proba de que Galicia é unha terra sen fronteiras, aberta e que sabe que a mestura, a suma e a unión só poden desembocar nun beneficio común.
“Os cidadáns de Baiona, máis que sorprenderse polo descubrimento de América, sentíronse reconfortados porque –no fondo- sabían que unha terra aberta ao océano como Galicia non podía ser o fin de nada, senón o principio de todo. Sabían que a época das fronteiras froito da ignorancia e do medo debía chegar ao seu fin; que era o momento de construír pontes e de establecer lazos económicos, sociais e culturais co novo mundo e que Galicia tiña potencial para facelo; e que, en definitiva, os galegos descubriríamos o mundo pacificamente, poñendo en contacto a nosa cultura coa cultura dos países que nos acollen”, abundou.
Nesta liña, afirmou que a Comunidade galega continúa a ser un punto de encontro: primeiro a través do espírito emprendedor dos emigrantes galegos e, agora, a través das empresas galegas, xerando emprego, riqueza e internacionalizando a marca Galicia alí onde operan.
Feijóo concluíu subliñando que con esta festa, declarada de interese turístico internacional, un ano máis Galicia celebra o espírito da Arribada abrindo os brazos ao progreso e ao futuro do mesmo xeito que o fixeron –hai 525 anos- os habitantes de Baiona.

Ningún comentario:
Publicar un comentario