26 de feb. de 2018

DEPORTES

PIRAGÜISMO

MEDALLA DE PRATA PARA O TEIXUGO LUÍS FERNÁNDEZ NA 1ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM  

Luis Fernández, medalla de prata na primeira das competicións da Liga Española de Slálom
Fotos: Rosa Fernández Carrera

Rosa Fernández Carrera / Orthez (Francia)

 Esta fin de semana tivo lugar na localidade francesa de Orthez a primeira das competicións da Liga Española de Slálom. O club organizador, o Atlético San Sebastián, recorreu a esta canle francesa, na que adestra habitualmente, para celebrar esta primeira Copa e España. 

 O club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con oito palistas, dous dos cales foron en calidade de abridores, para coller experiencia e adestrar, pero non puntuando para o club. 

 Esta competición  ten gran relevancia, pois xunto coa que se celebrará en Mondariz, vai determinar os palistas que formaran parte do proceso  selectivo nacional no que se seleccionará o equipo nacional de slálom 2018.  

 O sábado celebráronse  as probas clasificatorias , cunha segunda baixada de repesca para os que non deron entrado en semifinais. E na mañá do domingo semifinais e finais. 

Laura Alonso

 As representantes femininas do club, non deron entrado en finais, rematando Laura Alonso en décimo quinto lugar en K1 Sénior e Ariadna Pereira sexta en K1 Cadete.  Os catro representantes masculinos pasaron a semifinais, rematando en moi bo lugar.  

 Emilio Rodríguez, na categoría K1 Veterano, fixo unha gran baixada nas clasificatorias, tendo serias opcións a medalla, pero na final foi algo lento e rematou quinto.  


 Manuel Ochoa, en K1 sénior, a categoría máis numerosa e igualada, rematou nun impresionante quinto posto, a pesar de non estar no seu mellor momento por problemas de saúde.  

 Brais Castro, en C1 sénior, fixo unha boa clasificatoria e conseguiu entrar en semifinais, onde fixo unha gran baixada, rebaixando en varios segundos a do sábado, pero que non lle permitiron facer final por apenas dous segundos, rematando oitavo.  

 Luís Fernández, tamén en C1 sénior, tivo unha impresionante actuación esta fin de semana, tanto o sábado coma o domingo demostrou o seu bo momento, rematando en segundo lugar, por detrás de Daniel Marzo e por diante do olímpico Ander Elósegui.  

 A vindeira cita co slálom será en Mondariz, onde o club Tea organizará a 2ª Copa de España, tamén puntuable para o selectivo nacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario