O SECTOR NAVAL QUEDA SEN PROFESIONAIS?
Nos últimos días atopámonos con declaracións das
distintas patronais do naval aludindo á falta de profesionais no sector, o que
impediría asumir a carga de traballo que teñen actualmente os distintos
estaleiros.
Falan da falta de profesionais como se un virus
repentino varrera cos máis de 10.000 traballadores/as do sector, e acto seguido
anuncian a necesidade de traer profesionais de fóra. Non é de recibo afirmar
isto e non entrar a analizar as actuacións que provocaron esta situación.
Convén matizar o da carga de traballo; por vez
primeira dende hai sete anos todos os estaleiros teñen actividade, pero salvo
contadas excepcións (Freire, Armón, Cardama ou Marín, onde dispoñen de unha
carga de traballo estábel e con perspectivas a dous anos vista), trátase dunha
única unidade, sen confirmación de máis carga de traballo; polo tanto, o volume
de contratación sería puntual, desaparecendo eses traballadores/as iniciais
(montadores/as, soldadores/as e tubeiros/as) ao seren substituídos/as por
electricistas, habilitadores/as, etc., segundo avanza a obra. Polo que non esta
asegurada a estabilidade no emprego.
Estes anos de parálise do naval foi utilizado
por diversas empresas do sector, coa complicidade dalgúns estaleiros, para
precarizar as condicións salariais, forzar a prolongadas xornadas laborais e
relaxar a prevención no traballo.
Sempre que se fala no sector naval de traer
traballadores/as de fóra, e temos exemplos dabondo noutras épocas, trátase de
vulnerar o convenio con persoal en precario, o que provocaría unha competencia
desleal cos empregados/as e coas compañías da comarca.
Cómpre denunciar tamén a situación de centos de
traballadores/as que se viron na necesidade de acceder a cobrar a axuda de
maiores de 55 anos para poder subsistir e logo foron obrigados/as polo Goberno
central a xubilarse anticipadamente os 61 anos cunha miserenta pensión.
Tratábase de profesionais de contrastada experiencia que tiñan moito que
aportar. Agora, os que aínda non cumpriron os 61 anos atópanse ademais
condicionados/as pola reforma de 2012, xa que se arriscan a perder o subsidio
se se reincorporan ao mundo laboral. Non hai que esquecer que antes da reforma
o subsidio estaba garantido.
Tamén temos que lamentar o completo abandono por
parte das distintas Administracións, tanto do Goberno central como da Xunta,
das políticas industriais en xeral e particularmente das do naval, xa que
deixaron morrer o sector e non fixeron políticas de preparación de futuros
operarios/as nin tan sequera cursos que permitiran a reciclaxe de centos
deles/as, que se viron inactivos/as por períodos de dous, tres, catro e máis
anos.
Atopámonos diante dun sector moi utilizado como
propaganda polas Administracións, unhas Administracións que non foron quen de anticiparse
á posíbel recuperación da actividade creando as condicións axeitadas.
Por todo isto, dende a CIG rexeitamos o discurso
da falta de profesionais; os traballadores/as non desapareceron, tiveron que
emigrar para buscarse a vida, polo tanto cómpre recuperalos/as, algo que só é
posíbel se se dan as condicións axeitadas: cumprimento do convenio e
asentamento real da carga de traballo a dous ou tres anos que asegure
estabilidade á hora de volver.
E reclamamos unha aposta real dos estaleiros
polas empresas auxiliares con estrutura e cumpridoras das condicións de
traballo reguladas no convenio provincial do sector do Metal.
César Rodríguez Martínez
Responsábel do naval da CIG de Vigo
Ningún comentario:
Publicar un comentario