27 de xan. de 2018

PONTEVEDRA

DÚAS EMPRESAS CATALANAS, DÚAS MADRILEÑAS E UNHA NAVARRA, PUXAN POR SUBMINISTRAR OS COMPOSTEIROS DO PLAN REVITALIZA PARA A PROVINCIA  

Os técnicos da Deputación de Pontevedra estudan as ofertas presentadas para os 1.500 composteiros individuais de exterior  

Os composteiros individuais de exterior serán repartidos entre os 36 concellos adheridos ao Plan Revitaliza na provincia
Fotos: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación Provincial de Pontevedra ven de facer público que as máis importantes empresas especializadas en compostaxe do estado teñen a vista posta en Pontevedra. Dúas firmas catalanas (ID Waste e Alquienvas), dúas madrileñas (Plastic Omnium e Barca Brand) e unha navarra (Vermican) veñen de presentarse ao concurso da Deputación de Pontevedra para subministrar os 1.500 composteiros individuais de exterior que repartirá a institución provincial ao abeiro do Plan Revitaliza. 

 O contrato suporá a entrega de 1.300 composteiros de entre 300 e 400 litros (cun prezo máximo de 54,45 euros por unidade) e de 200 de entre 800 e 900 litros de capacidade (cun prezo máximo de 90,75 euros cada un). Os técnicos da Deputación coñeceron hoxe as propostas na mesa de contratación e elaborarán un informe nas vindeiras semanas analizando se cumpren cosesixentes requisitos solicitados. 

 Os criterios non susceptibles de ser contificadospuntuaranse cun máximo de 49 puntos. Estes son: o deseño, robustez e facilidade operativa-ata un máximo de 28 puntos-; os criterios ambientais como materia primas utilizadas, ciclo de vida - ata un máximo de 16 puntos-; e o plan de reciclaxe - ata un máximo de 5 puntos-. A maiores, valoraranse cun máximo de 51 puntos o mellor prezo ofertado -ata un máximo de 40 puntos-e as melloras -ata un máximo de 8 puntos-. Como complemento de mellora incluíuse o subministro de aireadores, considerados un elemento substancial e vinculado ao proceso de compostaxe, xa que serven para remexer o estruturante vexetal coa materia orgánica para provocar a súa aireación, secado e demais procesos biolóxicos. O prazo de garantía da subministración -ata un máximo de 3 puntos- estableceuse nun mínimo de 24 mesese un máximo de 60. 

 Os composteiros individuais de exterior serán repartidos entre os 36 concellos adheridos ao Plan Revitaliza na provincia, que está xa na súa terceira fase. Estarán destinados a familias que vivan en zonas rurais e dispoñan de horta na que instalalos para tratar mediante compostaxe os seus residuos orgánicos procedentes da cociña (restos cociñados ou sen cociñar de carne, peixe, vexetais, froitas, pan, pasta, arroz, cascas de ovos ou papel de cociña branco, entre outros), e tamén da horta ou do xardín, como vexetais, follas e plantas.     

 Compostar de xeito sinxelo 

 Os composteiros individuais de exterior do Plan Revitaliza facilitan obter compost entre seis e oito meses despois de comezar a compostar. Dispoñen dunhas características técnicas concretas: ocos para permitir aentrada de osíxeno dende o exterior, unha tapa superior para evitar a entrada de auga de choiva, e unha apertura lateral para retirar o produto final. Os que se colocan na horta están abertos pola parte inferior e teñen que estar instalados sobre unha malla dun centímetro de luz directamente sobre a terra para evitar a entrada de animais, preferentemente á sombra e con certo espazo para manobrar.   


 Para obter un bo compost apenas se require un esforzo dos usuarios de apenas dez minutos por semana. O importante é mesturar variedade de materiais orgánicos: frescos e húmidos -restos de comida ou céspede verde- con materiais secos -pólas trituradas ou partidas, follas secas- que funcionan como estruturante.  

 Para comezar a compostar, cando o composteiro está baleiro, en primeiro lugar é preciso poñer unha base ou cama de material leñoso e seco (estruturante) duns 10 centímetros de alto no fondo, para facilitar a aireación e a entrada de microorganismos. A continuación, o material húmido apórtase segundo necesidade, tendo en conta que é necesario engadir a mesma cantidade de material estruturante. É fundamental remexer e mesturar coa capa inmediatamente inferior cada vez que se aporta material, e aconséllanse remexidos profundos como mínimo cada dúas ou tres semanas.    

 Unha vez transcorridos seis ou oito meses obtense o compost maduro, que ten unha textura terrosa, cor escura e cheiro a bosque. O seu uso principal é como fertilizante para plantas, xa que achega elementos minerais (nitróxeno, fósforo, potasio..) e favorece a capacidade de retención de auga. Debe utilizarse un 20% de compost misturado con terra para plantas en maceta, e entre 0,5 e 4 quilos por metro cadrado en horta.  

 É importante compostar no fogar por unha cuestión tanto de concienciación medioambiental como económica. Calcúlase que cada cidadán que composta os seus orgánicos -en lugar de que introducilos no ciclo do lixo- aforra uns 155 quilos de emisións de CO2 á atmosfera ao ano. Por outra parte, a compostaxe evítalles aos concellos os gastos de recollida e transporte do lixo orgánico, xa que eses residuos trátanse onde se producen, e tamén reduce o custe do seu tratamento con respecto á incineración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario