22 de xan. de 2018

O BAIXO MIÑO

A XUNTA DE GALICIA ANUNCIA A NOVA LIÑA DE AXUDAS PARA ACCIÓNS SILVÍCOLAS DE PREVENCIÓN DE LUMES ÁS QUE DESTINOU EN 2017 MÁIS DE 162.000 EUROS NO BAIXO MIÑO  

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que a nova liña de axudas pode ser solicitada por comunidades de montes e particulares tanto para crear franxas de control de incendios como para plantacións con valor ecolóxico 

· A administración autonómica destina na nova orde 7 millóns de euros  

José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta en Pontevedra


Infogauda / O Baixo Miño

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe a nova liña de apoio da Consellería de Medio Rural destinada a comunidades de montes e particulares co fin de poñer en marcha accións silvícolas de prevención de lumes e nas que o Goberno autonómico investirá preto de 7 millóns de euros.  

 Estas ordes permitiron destinar o ano pasado máis de 162.000 euros a 7 comunidades de montes e particulares da comarca do Baixo Miño. Así, beneficiáronse as comunidades de Pexegueiro, en Tui por 5.644 euros; as de Pinzás (7.831 euros), Tomiño (42.752), Estás (26.752 euros) e Goián (66.949 euros) en Tomiño, así como Santa María de Oia (4.585 euros) e Viladesuso (8.323 euros) en Oia. En total, as 7 comunidades actuaron sobre 92,40 hectáreas.    

 Na provincia de Pontevedra houbo 115 beneficiarios cun orzamento de axuda global de 2,3 millóns de euros, e se traballou sobre un total de 1.368 hectáreas.  

 Estas accións silvícolas teñen como obxectivo previr os danos acusados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. As axudas, que poden chegar ao 100% do solicitado, están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.  

 Os interesados teñen un prazo de un mes hábil para presentar as súas solicitudes que poden ser para realizar tratamentos silvícolas coa finalidade de prevención de incendios, é dicir, a creación de descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible como son rozas, podas e rareos; ou para realizar tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo.  

 “Deste xeito, a Xunta segue a apostar pola posta en marcha de tratamentos silvícolas, roza e clareos en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, en colaboración con comunidades de montes e particulares co obxectivo de previr os incendios forestais”, engadiu Cores Tourís, quen matizou que “nos soutos de castiñeiros, ademais de podas e rozas, financiaranse tratamentos fitosanitarios e a plantación de pés resistentes á tinta para aumentar a densidade do souto. Por baixo de 550 metros de altitude, deberán plantarse clons híbridos. Por encima desa altitude, castiñeiros do país”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario