ENCONTRO SINDICAL ENTRE A CIG E A CGTP-IN
Manterán unha xuntanza bilateral ao máis alto nivel en Vigo este xoves 1 de febreiro co obxectivo analizar a situación sociolaboral de Galiza e de Portugal
Infogauda / Vigo
A CIG e o principal sindicato portugués, a CGTP-IN, manterán unha xuntanza bilateral ao máis alto nivel en Vigo este xoves 1 de febreiro co obxectivo analizar a situación sociolaboral de Galiza e de Portugal e definir proxectos de colaboración e accións conxuntas entre as dúas centrais sindicais.
Durante o encontro, as delegacións das dúas centrais sindicais, encabezadas polos secretarios xerais da CIG, Paulo Carril, e da CGTP-IN, Arménio Carlos, abordarán tamén as principais pautas de actuación sindical a respecto dos retos de futuro que enfronta a clase traballadora dos dous países como consecuencia do proceso de precarización laboral, recortes sociais e empobrecemento derivado das políticas e reformas aplicadas pola Unión Europea e a Troika.
Ademais dos secretarios xerais, as delegacións estarán integradas, no caso galego, pola secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, o secretario comarcal de Vigo, Alberto Gonçalves, e o responsábel de Relacións Internacionais, Xosé Lois Rivera.
A delegación da CGTP-IN contará, ademais de co secretario xeral, co membro da Comissão Executiva e responsábel de Relações Internacionais, Augusto Praça, e co membro da Comissão Executiva e coordinador da União de Sindicatos do Porto, Tiago Oliveira.
Ao día seguinte (o venres día 2 ás 10:30 horas) os secretarios xerais das dúas centrais comparecerán en rolda de prensa para informar sobre o contido da reunión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario