19 de xan. de 2018

GOIÁN / VILA NOVA DE CERVEIRA

UXÍO BENÍTEZ: “O XURADO DO CONCURSO DE IDEAS ENTENDEU A NECESIDADE DA NOVA PONTE PEONIL ENTRE TOMIÑO E CERVEIRA AO VER ‘IN SITU’ A SÚA PROXIMIDADE” 

O comité seleccionador do proxecto para o viaduto subliñou a importancia do deseño dos puntos de ancoraxe nas ribeirasda parte galega e portuguesa 

O presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira e o deputado provincial de Mobilidade, cos membros do xurados, na Fortaleza de Goián
Fotos: D. P.

Infogauda / Goián / Vila Nova de Cerveira

 “O xurado do concurso de ideas para a nova ponte peonil entre Tomiño e Cerveira sobre o Miño entendeu a necesidade da súa construción ao ver ‘in situ’ a proximidade dos municipios galego e portugués e o proxecto do parque transfronteirizo nos dous países”. Así o indicou hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación, Uxío Benítez, na visita que o comité seleccionador das propostas realizou ás beiras do futuro viaduto.   

Os membros do xurado comezaron a súa visita de hoxe na parte galega, concretamente na Fortaleza de Goián, en Tomiño

 O nacionalista destacou que é preciso fomentar a mobilidade peonil e ciclable para aumentar o turismo na zona aproveitando as sendas existentes en ambas ribeiras. Subliñou que Tomiño e Cerveira pretenden potenciar valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais que son máis competitivos ao ‘vendelos’ de xeito conxunto. Asegurou que o parque do Castelinho en Cerveira e o Espazo Fortaleza de Goián –Tomiño- son perfectamente complementarios pola súa singularidade e que “unidos pola nova ponte peonil e ciclista, converteranse nun espazo de referencia transfronteiriza en toda a Península Ibérica”.   

 “Este lugar do río é o máis estreito de todo o Baixo Miño, apenas ten 180 metros entre ambas marxes, e dá pé a unilas para crear un espazo único que atraia visitantes. O xurado entendeu o noso concepto de crear un parque conxunto unindo dous países, o que reforza a nosa visión transfronteirizade cooperación máis alá da construción dunha simple infraestrutura”, subliñou Benítez.  

 Os membros do xurado comezaron a súa visita de hoxe na parte galega da Fortaleza de Goián en Tomiño, un espazo patrimonialmente destacado, para despois cruzar a canle do río nun barco militar da Capitanía de Caminha ata o parque do Castelinho en Cerveira, un lugar moi frecuentado por familias tanto portuguesas coma galegas en todas as épocas do ano. A visión da zona a pé e tamén no barco permitiu ao comité destacar a importancia que ten o elixir unha proposta na que os puntos de ancoraxe en ambas ribeiras sexan o máis respectuosos coa contorna, en concreto, co illote existente na parte lusa.   

A comitiva luso galaica no parque do Castelinho, en Vila Nova de Cerveira

 Finalmente, a comitiva rematou a súa viaxe cunha comida de confraternidade en Vila Nova de Cerveira, no lugar do mirador de O Cervo, dende onde se podía gozar dunha perspectiva totalmente diferente e afastada do río Miño e do que podería ser a futura ponte. 

 Entre os asistentes á visita de hoxe -membros do xurado- houbo representantes escolas técnicas, colexios oficiais e administracións con competencias e intereses na ponte de ambos lados do río:o deputado Uxío Benítez e os xefes de servizo de Arquitectura e Mobilidade da Deputación de Pontevedra;a alcaldesa de Tomiño e o presidente da Cámara de Cerveira; do Colexio de Arquitectos de Galicia; do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Portos e Canais; da Ordem dos Engenheiros; da Ordem dos Arquitectos, así como da Dirección Xeral de Patrimonio Natural; e da Capitanía do Porto de Caminha; entre outros.  

 A vindeira reunión, onde se tomará a resolución definitiva para escoller os tres mellores deseños dos 24 admitidos, será o vindeiro 1 de febreiro no Pazo Provincial da Deputación. Hai que lembrar que a redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada no proxecto VISIT_RIO_MINHO presentado ao Interreg V-A nunha candidatura conxunta liderada pola Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo.Tivo un cofinanciamento do 75% de fondos europeos cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario