19 de xan. de 2018

LABORAL

A CIG asume a presidencia do comité de empresa de Vitrasa tras saír adiante unha moción de censura por falta de confianza

Na sección sindical da concesionaria de transportes viguesa cren que o cambio é unha oportunidade para mellorar as condicións laborais



Ismael Arnoso - no centro da imaxe xunto aos delegados da CIG no comité - novo presidente do comité de empresa de Vitrasa
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG asumiu recentemente a presidencia do comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte municipal de Vigo, despois de que saíse adiante unha moción de censura por falta de confianza no anterior presidente. Dende a central consideran que o cambio, que contou co apoio do resto de sindicatos do comité, supón unha oportunidade para mellorar as actuais condicións laborais do cadro de persoal.  

 O proceso que rematou co cambio da presidencia do comité de Vitrasa remóntase ao mes de novembro, cando se presentou unha moción de censura contra o anterior presidente (CCOO) por falta de confianza na súa xestión. A medida contou co apoio das outras tres centrais con representación na empresa, CIG, UGT e USO, que propuxeron o candidato da central nacionalista, Imanol Arnoso, para ocupar a vacante. A proposta foi ratificada posteriormente mediante unha votación. 

 Dende a sección sindical da CIG en Vitrasa lembran que a central foi o único sindicato que non asinou o convenio colectivo vixente tanto pola súa excesiva duración (2015-2020) como porque deixaba sen resolver asuntos prioritarios como unha maior redución da xornada anual, o pago das horas extras a un prezo ilegal, a contratación de máis persoal e a problemática da contratación eventual, que a CIG considera fraudulenta. 

 Diante disto, entenden que con esta decisión o resto de sindicatos do comité (formado por 3 delegados da CIG, 3 da USO, 1 da UGT e 6 de CCOO) “quixeron darlle un toque de atención á empresa, que incumpre reiteradamente o convenio colectivo”. Pola súa banda, o novo presidente do comité, Imanol Arnoso, considera que “agora temos a oportunidade de solucionar, na medida do posible, os erros cometidos e para iso temos que remar todos/as na mesma dirección”. Ao mesmo tempo, considera que “tras este cambio de rumbo é o momento ideal para mellorar as condicións laborais do cadro de persoal de Vitrasa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario