A GUARDA HOMENAXEARÁ AOS FUNDADORES DO HOSPITAL CASA-ASILO
No centenario da constitución da Xunta Organizadora
Infogauda / A Guarda
O Concello da Guarda organiza este sábado, 27 de xaneiro, un acto conmemorativo con motivo do centenario da constitución da Xunta Organizadora para a construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, edificio que na actualidade serve de Centro Cultural.
Monumento a D. Avelino Vicente González
Foto: Infogauda
O acto comezará ás 20:30 horas co descubrimento dunha placa no busto de Avelino Vicente González, impulsor da iniciativa para a construción do edificio, fronte a entrada principal do Centro Cultural. Deseguido, o historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez ofrecerá un relatorio sobre o labor da Xunta Organizadora Pro Hospital Casa-Asilo, formada o 17 de xaneiro de 1918 en San Juan de Puerto Rico por oito emigrantes guardeses que, sabedores das necesidades sanitarias e de atención dos seus compatriotas, decidiron impulsar a creación dun complexo sanitario benéfico na vila guardesa.
O inmoble do antigo Hospital Casa - Asilo de A Guarda é un dos máis destacados edificios de estilo indiano que existen na vila de A Guarda
Foto: C. A. G.
O edificio de estilo indiano construise entre 1921 e 1932, e mantivo actividade sanitaria ata 1990, ano no que foi remodelado para acoller o Centro Cultural e Social da Guarda, sen alterar a esencia do emblemático edificio, legado do altruismo dos emigrantes guardeses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario