Convocada folga indefinida no servizo de recollida do lixo do Concello de Ponteareas para reclamar uns soldos dignos
O persoal de FCC, a empresa concesionaria, ingresa pouco máis do Salario Mínimo e aspira a elevar as nóminas até os 1000 euros
Infogauda / Ponteareas
O cadro de persoal de FCC, concesionaria da recollida do lixo do Concello de Ponteareas, decidiu finalmente convocar folga indefinida a partir do vindeiro luns 18 de decembro, para reclamar un novo convenio colectivo que fixe uns soldos dignos. Os 20 traballadores/as do servizo, cunha xornada que se estende de luns a sábado, ingresan pouco máis do Salario Mínimo Interprofesional e aspiran a elevar as nóminas até os 1.000 euros mensuais.
Chegar a ser mileuristas. Esta é a aspiración do persoal do servizo de recollida do lixo de Ponteareas, pertencente á empresa FCC. Por iso o comité de folga decidiu hoxe en asemblea convocar un paro indefinido a partir das 6:00 horas do vindeiro luns 18 de decembro, unha vez que dá por rotas as negociacións coa compañía tras os contactos das últimas semanas. “Suspendemos as conversas por mor da parálise e do inmobilismo da dirección, que non varía a súa postura inicial; máis que unha negociación, o que quere impoñer FCC son as súas condicións para seguir mantendo a precariedade nas condicións sociais e económicas dos traballadores/as do lixo”, explica Pedro Pérez, secretario de Organización da CIG-Servizos.
O responsábel sindical lembra que o Goberno local de Ponteareas é bo coñecedor desta situación, xa que a propia representación sindical lle trasladou “a parálise e o retroceso” da mesa de negociación no último ano, “estando nas súas mans a posibilidade dunha saída negociada coa empresa contratada para este servizo”.
Pérez afirma que foi precisamente esta situación a que obriga os empregados/as a convocar unha folga indefinida que dará comezo ás 6:00 horas do vindeiro luns día 18 “se non se produce unha saída inmediata ao conflito”. Polo tanto, os traballadores/as demandan a comprensión e a solidariedade do conxunto da veciñanza coas súas xustas reivindicacións, “independentemente dos prexuízos que a medida adoptada poidan ocasionar entre a cidadanía”. Asemade, solicítanlle á empresa e ao Concello que asuman as súas responsabilidades e recapaciten para poder chegar a un acordo que desbloquee a convocatoria de folga
Ningún comentario:
Publicar un comentario