5 de dec. de 2017

LABORAL

Unha protesta nos Xulgados de Ourense reclama a readmisión do despedido en Coren-Servicarne 

A rescisión do contrato produciuse despois de que o traballador participase nas concentracións contra a explotación laboral

A protesta ás portas dos Xulgados ourensáns desenvolveuse entre as 11:00 e as 12:00 horas, concidindo co horario previsto no que se ía celebrar o xuízo polo despedimento do traballador
Foto: CIG

Infogauda / Ourense

 Arredor dun cento de delegados/as da FGAMT-CIG participaron na concentración convocada ás portas dos Xulgados de Ourense para reclamar a readmisión do traballador de Coren-Servicarne despedido tras participar nas mobilizacións contra a explotación laboral na empresa. Dende a central denuncian un novo adiamento da data do xuízo, que consideran “unha tomadura de pelo”.

 A protesta ás portas dos Xulgados ourensáns desenvolveuse entre as 11:00 e as 12:00 horas, concidindo co horario previsto no que se ía celebrar o xuízo polo despedimento do traballador, que finalmente foi adiado de novo a petición da avogada da empresa. “Primeiro cambiárono para o día 13, pero hoxe mesmo veñen de comunicar que o atrasan para o 20, o que nos parece unha tomadura de pelo”.

 Con todo, a FGAMT-CIG decidiu manter a mobilización en apoio do despedido e para denunciar a explotación laboral en Coren-Servicarne, cuxo persoal “padece unhas condicións infrahumanas: sen horario fixo, sen salario mínimo, sen vacacións, con baixas laborais disfrazadas de baixas por enfermidade común, con ritmos de traballo infernais, sen indemnización por despido, etc.”.

“Responderemos con proporcional contundencia”  

 Co obxectivo de facer pública esta situación a central está a desenvolver dende hai máis dun ano unha campaña de protestas, que hoxe tivo un novo episodio diante do edificio xudicial, onde se despregou unha faixa e se berraron consignas reclamando a readmisión do afectado e rexeitando a explotación laboral.  

 De feito, o despido do traballador, que levaba 14 anos na empresa, produciuse tras unha das últimas mobilizacións desenvolvidas diante da Subdelegación do Goberno en Ourense. “Non imos calar; non imos retroceder nesta loita; responderemos con proporcional contundencia ante esta actitude”, asegurou o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Paulo Conde, ao remate da concentración. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario