4 de dec. de 2017

LABORAL

A CIG mobilizarase polo despido dun traballador que participou nas protestas contra a explotación en Coren-Servicarne 

Convoca unha concentración diante dos Xulgados de Ourense este martes día 5 ás 11:30 horas

A CIG anima a participar na concentración convocada diante do edificio xudicial de Ourense (rúa Velázquez) este martes 5 de decembro ás 11:30 horas en apoio do traballador represaliado e para reclamar a súa inmediata readmisión
Foto: CIG

Infogauda / Ourense

 A FGAMT-CIG de Ourense vén de anunciar a convocatoria de mobilizacións para rexeitar o despedimento dun traballador que participou nas protestas desenvolvidas contra a explotación laboral en Coren-Servicarne. A central levará a cabo unha concentración diante dos Xulgados ourensáns este martes día 5 ás 11:30 horas, coincidindo co xuízo. 

 Segundo explican dende a federación de Alimentación da CIG de Ourense, a central leva máis dun ano mobilizándose contra a explotación laboral que están a sufrir os empregados/as da cooperativa de traballo asociado Servicarne, autónomos/as dependentes que traballan para Coren. “Padecen unhas condicións infrahumanas: sen horario fixo, sen salario mínimo, sen vacacións, con baixas laborais disfrazadas de baixas por enfermidade común, con ritmos de traballo infernais, sen indemnización por despido, etc.”, enumera o secretario comarcal da FGAMT, Paulo Conde.  

 Ao mesmo tempo, critica a actitude da empresa, que responde con acoso, persecución, amoestacións e sancións a aqueles/as traballadores/as que simplemente esixen dignidade. “Esta actitude non mudou, e atopámonos hoxe cun expediente de expulsión dun compañeiro polo simple feito de manifestarse coa CIG”.  

 Represión sindical  

 Tamén denuncia a represión sindical que Coren-Servicarne exerce contra aquelas persoas que reclaman unhas condicións de traballo dignas. “Non imos calar; non imos retroceder nesta loita; responderemos con proporcional contundencia ante esta actitude”, afirma.  

 Diante disto, anima a participar na concentración convocada diante do edificio xudicial de Ourense (rúa Velázquez) este martes 5 de decembro ás 11:30 horas en apoio do traballador represaliado e para reclamar a súa inmediata readmisión. A protesta coincide co xuízo polo despedimento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario