O paro incrementouse en Galiza en novembro un 0,68% con respecto ao mes anterior, situando a cifra en 187.175
A temporalidade volve ser a tónica dominante no mercado de traballo, con unicamente un 8,3% de contratos indefinidos
Infogauda / Redacción
O mes de novembro rematou con 187.175 persoas paradas rexistradas nas oficinas do SEPE en Galiza, o que supón un incremento do 0,68% con respecto ao mes anterior (1272 parados/as máis que en outubro); no conxunto do Estado o aumento foi do 0,21%, con fortes diferenzas entres as distintas comunidades. Ademais, a alta temporalidade do emprego foi unha vez máis a tónica dominante, xa que unicamente o 8,3% dos contratos rexistrouse baixo algunha das modalidades de contratación indefinida.
A nivel sectorial, o maior medre do desemprego no noso país produciuse no sector servizos, cunha subida do 0,83% (0,97 na media do Estado); na construción tamén se rexistraron máis parados/as que no mes anterior, concretamente un 0,37% (no conxunto do Estado o número de desempregados/as neste sector reduciuse un 1,21%); mentres que na industrial baixou levemente o desemprego: un 0,14% en Galiza e un 0,97% na media estatal.
A evolución dos datos é a típica de novembro, xa que é un mes no que sector servizos adoita ter pouca actividade; ademais, as condición climatolóxicas non acostuman axudar noutros sectores como a construción.
Con todo, o preocupante non é evolución dos datos cuantitativos senón o que se desprende sobre a calidade do emprego, xa que a pesar desta diminución de desempregados/as rexistráronse 80.025 contratos no mesmo mes, dos que tan só o 8,3% se inscribiron baixo algunha modalidade de contratación indefinida. Isto significa que existe un número inxente de traballadores/as que permanecen no mercado de traballo nunhas condición moi precarias, con contratos de moi escasa duración e moi rotativos.
Este incremento da contratación vén asemade acompañado dun descenso da afiliación á Seguridade Social, xa que novembro rematou con 989.157 persoas afiliadas (747 menos que no mes de novembro). Polo tanto, temos menos afiliación pero 80.000 contratos novos.
Tamén é preocupante a situación económica das persoas desempregadas, xa que unicamente o 47,3% percibiu algunha prestación por desemprego no mes de novembro; ou o que é o mesmo, máis da metade dos parados/as non perciben ningún tipo de prestación; e a maior parte dos/as que teñen ingresos perciben o subsidio.
Por un novo modelo de emprego
Desde a Secretaría Confederal de Emprego e Industria da CIG denuncian que a Xunta non ten pensado aplicar ningunha política orientada a rematar con esta situación, como se deprende dos últimos orzamentos públicos que vén de presentar. “Nin o desemprego, nin a pobreza, nin o desenvolvemento económico e industrial merecen unha atención especial no Proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta de Galiza para 2018. Unhas contas continuístas tanto no destino dos fondos como nas políticas”, indican dende a central.
Diante disto, o secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle, sostén que “unha vez máis temos que facer unha lectura negativa dos datos do paro, non só porque aumenta o número de persoas desempregadas, sobre todo no sector servizos, que é o que maior peso ten no PIB, senón porque descende a afiliación á Seguridade Social, que é un dato moi negativo”.
Ademais. amósase moi crítico co modelo que está a implantar o PP no mercado laboral, porque provoca un aumento da precariedade. Así, sinala que as cifras amosan que dos contratos que se rexistraron en novembro tan só un 8,3% foron feitos baixo algunha das modalidades de contratación indefinida. “Estas políticas están a levar a xente á exclusión social, xa que vemos en novembro só a metade das persoas desempregadas tiveron opción de ingresar algún tipo de prestación; destas, a maioría cobrou o subsidio”.
A temporalidade é outro dos problemas, “xa que nin sequera as campañas mediáticas do PP sobre a contratación masiva nos eventos consumistas como o black friday se ven reflectidas nos datos de emprego deste mes, o que evidencia que foi simplemente unha montaxe publicitaria e que o sistema de emprego continúa a ser nefasto para a clase traballadora deste país”.
Polo tanto, dende a CIG pulan por un cambio no modelo de emprego e por aplicar políticas activas de emprego que sexan reais para que os postos de traballo que se crean sexan de calidade e con dereitos, “co obxectivo de lograr que a clase traballadora teña capacidade adquisitiva e poida tirar do sector industrial, algo fundamental para a recuperación económica”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario