O BNG esixe explicacións a Portos de Galicia e ao Concello da Guarda pola nefasta xestión das obras no porto
Dende o BNG consideran que a actuación foi desastrosa e prexudicial para os negocios da zona, que amosaron sorpresa pola improvisación das obras
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
Nesta semana estivéronse desenvolvendo obras no entorno do porto guardés, con presenza de maquinaria e tráfego de camions de grande tonelaxe. O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO cualifica de “calamitosa a xestión realizada por Portos de Galiza e polo Concello da Guarda”.
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda sinala: “Durante esta semana realizáronse obras de asfaltado no porto da Guarda. Estas obras realizáronse sen consulta nin previo aviso á veciñanza e ao sector da hostalaría, de forte presenza na zona.
Nunha fin de semana importante para a hostalaría pola festividade en Portugal, converteuse nunha desfeita pola desidia de Portos de Galiza e o Concello”.
Dende a formación nacionalista, considérase que “as obras son necesarias e polo tanto hai que realizalas, pero non é menos importante o xeito de executalas, non deixar en mans da improvisación.
A falta de sinalización, a inexistencia dun operativo de tráfico, a desinformación xeral e a falta de comunicación entre Portos de Galiza e o Concello, causan cuantiosas perdas aos negocios nunha data sinalada”.
Dende o BNG esperan que “esta situación non se volva repetir cando se realicen obras deste tipo, realizando e tomando as medidas necesarias para manter informada á poboación en xeral e minimizando no máximo posíbel as incomodidades que estas obras xeran”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario