3 de dec. de 2017

A GUARDA

O BNG insta ao PP a abandonar a demagoxia e esixir cartos a Feijoo para un novo aceso ao porto da Guarda  

O BNG acusa ao PP de cinismo político ao falar dos cartos que ten que poñer o concello en Concepción Arenal, cando a Xunta non pon un euro para a construción do novo aceso ao porto da Guarda  

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO insta ao grupo municipal do PP a abandonar a demagoxia na que está instalada para demandar á Xunta de Galiza e ao Presidente Feijoo que poñan cartos enriba da mesa para construír o novo acceso ao porto da Guarda. Dese xeito ven de pronunciarse Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda. 

 O BNG considera - engade Ángel Luis Baz - que o PP está utilizando de xeito totalmente demagóxico as porcentaxes de custo da obra de remodelación de Concepción Arenal, para esconder a súa incapacidade e falta de proxecto político para a Guarda. 

 Hai que lembrar que grazas a unha nefasta xestión do PP, que agravou os problemas que xa tiña o casco urbano guardés, a Deputación volta a investir 1.100.000€ para realizar un proxecto pensado nas persoas.  

 Para o portavoz municipal do BNG “queda claro a falta de proxecto cando aínda pensan que o futuro do noso concello pasa porque os camións e autobuses suban e baixen por Concepción Arenal, algo que os expertos en materia urbanística e de mobilidade desaconsellan”. 

 Ángel Luis Baz tamén afirma: Tal e como leva sinalando o BNG, a rúa Concepción Arenal pasou de ser unha estrada de acceso ao porto da Guarda, de aí a propiedade da Deputación, a ser unha rúa dentro do casco urbano de carácter vertebral. Esta disfunción leva aparellado unha serie de servizos que son de ámbito municipal e que en boa medida debera pagar o Concello, como o saneamento, iluminación, abastecemento, ... 

 O proxecto de Concepción Arenal ten máis dun 40% de custes de servizos urbanos, é dicir, de competencia municipal. Polo que facendo contas non sae tan mal este convenio”.

 Asemade “o BNG quere lembrar que estas porcentaxes son as mesmas en concellos de distinta cor política, todo o contrario ao sistema de amiguismo que estivo a utilizar o PP na Deputación con Louzán á cabeza.  

 Novo aceso sur ao porto  

O BNG lembra - engade seu portavoz municipal no concello guardés - que é precisamente a Deputación de Pontevedra, dende a área de Mobilidade e Cooperación dirixida polo nacionalista Uxío Benítez, quen está redactando un proxecto para o novo acceso ao porto da Guarda.  

 “O PP guardés debera estar esixindo aos seus compañeiros na Xunta unha partida para a execución deste novo aceso que desafogue o tráfico de Concepción Arenal abrindo un abano de oportunidades para esta rúa como referente para A Guarda”, destacou Ángel Luis Baz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario