6 de dec. de 2017

A GUARDA

Presentado o plan de mellora da accesibilidade no concello de A Guarda realizado por COGAMI

O alcalde de A Guarda o vicepresidente de COGAMI presentaron os resultados dun informe que analizou exhaustivamente a accesibilidade de espazos urbanos no concello 
Foto: C. A. G. 


Infogauda / A Guarda


 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e o vicepresidente 1º da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Ramón Sestayo Lestón, presentaron o Plan Director de Mellora da Accesibilidade Universal do Concello de A Guarda, un documento que analiza como está a situación actual en relación coa accesibilidade nas rúas deste núcleo urbano, e cales deben ser as posibles actuacións que habería que acometer para mellorala. 

 O plan contempla o estudo das rúas do centro da vila, o centro de saúde, o porto e as praias. No proxecto propóñense actuacións puntuais e areas de actuación para deseñar itinerarios accesibles. Esta proposta ven a complementar outros proxectos que se están acometendo dende o concello que teñen como obxectivo mellorar a mobilidade e a accesibilidade na Guarda para facela máis cómoda e atractiva á cidadanía.  

 O informe foi entregado despois de que un equipo técnico, integrado por 3 arquitectos e 2 persoas con master en accesibilidade de COGAMI, estivera durante catro meses analizando in situ, tanto as rúas como os espazos do concello. Para levar adiante este plan, contaron tamén coas aportacións de entidades de persoas con discapacidade, técnicos municipais de urbanismo e representantes políticos do Concello.  

 “É un plan que está pensado para todo o mundo, A accesibilidade non é un tema específico das persoas con discapacidade, é para a sociedade no seu conxunto”, explicou o vicepresidente de COGAMI -

 En palabras do alcalde “este informe supón unha folla de ruta ou manual par que as actuacións que se fagan a partir de agora no concello se fagan con criterio, para que calquera persoa poida moverse pola vila”.  

 A mellora da calidade de vida dos veciños, revitalizar o entorno urbano, facilitar o tránsito de peóns, favorecer o deseño urbano para as persoas, crear espazos libres, suprimir as barreiras arquitectónicas e urbanísticas ou converter a A Guarda nun concello de referencia en materia de accesibilidade, son algúns dos obxectivos marcados á hora de deseñar este plan.  

 Tras esta análise exhaustiva, o documento final especifica de forma detallada as intervencións que deben facerse co fin de que os espazos públicos permitan circular a todas as persoas. 

 A relevancia das actuacións está baremada nunha puntuación comprendida de 1 ao 10, tomando como referencia a puntuación máis alta para aqueles lugares que teñen maior prioridade para ser intervidos, aqueles que deben ser arranxados con maior urxencia.  

 O informe tamén recolle o orzamento que sería necesario para acometer cada unha das intervencións nestas zonas analizadas, o que suporía unha inversión aproximada de 759.000 euros, segundo consta no documento presentado. 

 Existen outras áreas que deben ser consideradas como especiais, porque para que se fagan accesibles é necesarios reurbanizar para resolver problemática como os anchos mínimos de itinerarios, tramos de forte desnivel, anchos e discontinuidades en itinerarios peonís, establecemento de prioridades peonís,…. Estas melloras precisarían contar cun orzamento que pode chegar ao 1.304.117 € de investimento.  

 Así mesmo o documento tamén recolle unha guía de boas practicas que recompila a normativa de aplicación e as recomendacións a ter en conta baseadas na experiencia de usuario das persoas con discapacidade. 

 O obxectivo desta guía e que sexa de aplicación en futuras obras levadas a cabo polo Concello contemplando desta maneira a Accesibilidade Universal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario