5 de dec. de 2017

BAIONA

A NOVA SENDA PEONIL DAS ESTRADAS PROVINCIAIS QUE COINCIDEN CO CAMIÑO DE SANTIAGO POLA COSTA EN BAIONA, TERÁ UNHA SECCIÓN DE 2,5 METROS 

A Deputación logrou desbloquear o seu proxecto ante a Dirección Xeral de Patrimonio, que inicialmente esixía que a senda tivese “non moito máis dun metro”  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez mostrouse satisfeito por manter os criterios provinciais de“accesibilidade e seguridade” para peóns e peregrinos e peregrinas 

Uxío Benítez Fernández, deputado de Mobilidade, con Ángel Rodal Almuiña alcalde de Baiona, nun tramo do Camiño Portugués pola Costa
Foto: D.P.

Infogauda / Baiona

 A Deputación de Pontevedra acaba de desbloquear o seu proxecto para mellorar a mobilidade peonil e a seguranza viaria nas estradas provinciais EP-2202 e EP-2203 que coinciden co Camiño de Santiago pola costa ao seu paso polo Concello de Baiona. A xustificación presentada polo departamento de Mobilidade provincial conseguiu convencer á Dirección Xeral de Patrimonio, que agora admite unha senda peonil de 2,5 metros de largo mentres que no seu primeiro informe esixía que se reducise a “non moito máis dun metro”. Este cambio foi aplaudido polo deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, quen destacou “a sensatez” de permitir os criterios provinciais de “accesibilidade e seguridade” para peóns e peregrinos e peregrinas, xa que eran “prioritarios”. Finalmente, o proxecto da Deputación reordenará o espazo das dúas estradas provinciais. Crearase unha senda peonil de xabre cunha sección útil de 2,5 metros na marxe esquerda, un miradoiro cunha pequena zona de descanso e un pequeno aparcadoiro, renovarase a iluminación e instalaranse elementos de calmado de tráfico. 

O Camiño Portugués pola Costa incrementou nos últimos anos o seu número de camiñantes

 Ata o de agora, o departamento autonómico de Patrimonio paralizara a actuación cunha resolución que solicitaba “reducir a anchura da senda peonil” baixo a argumentación de que era “excesiva” e de que “non é necesaria tanta dimensión para o paso de persoas, xa que consideraba que se facían “considerables desmontes afectando aos penedos e ás árbores existentes”.  

 Ante estas críticas, o departamento de Mobilidade remitiu un recurso a Patrimonio xustificando que a senda de nova creación foi deseñada cun largo de 2,5 metros para cumpriros criterios de seguranza viaria establecidos no ‘Decálogo de Criterios para a actuación nas vías provinciais’ aprobado en 2016 pola Deputación de Pontevedra. Así mesmo, os técnicos apuntaron que o Camiño Portugués pola Costa incrementou nos últimos anos o seu número de camiñantes -tendencia á alza nos próximos anos-, e que a estrada provincial soporta actualmente unha intensidade media diaria de vehículos de 500 ao día, o que pode xerar situación de perigo cos peregrinos e peregrinas que discorren en grupo pola plataforma viaria. “O largo de 2,5 metros considérase necesario para permitir aos camiñantes desfrutar do percorrido en grupo, permitir cruzamentos e adiantamentos de persoas que marchan a diferentes velocidades sen necesidade de invadir a estrada, así como cumprir a normativa de accesibilidade”, indicaban os redactores do proxecto.  

 En canto ao desmonte, sinalouse que a excavación para a ampliación da plataforma non supoñía a creación dun novo noiro, senón só un retranqueo do desmonte artificial realizado cando seconstruíua estrada a media ladeira. A pesar disto, e para atender no posible a resolución orixinalde Patrimonio, a Deputación decidiu reducir os carrís de circulación en 0,30 centímetros cada un e, por tanto, facer un desmonte máis reducido na zona. 

 Por outra banda, a Deputacióntamén se comprometeuante Patrimonio a realizar a integración paisaxística dos noirosque queden en roca - con revexetacións e envellecemento das pedras de cor claro-, a reducir no posible o miradoiro- que deberá ter tres bancos en lugar de un banco corrido-, así como a reducir a altura dos muros, a instalar unha varanda unicamente onde haxa desnivel considerable, e a separar  a senda da plataforma de vehículos con sebes vexetais. 

 Sinatura de convenio 

 Segundo sinalou o deputado Uxío Benítez, unha vez recibido o visto bo de Patrimonio para a actuación no Camiño da Costa en Baiona, a Deputación e o Concello de Baiona deberán asinar en vindeiras datas o convenio de colaboración entre ambas institucións. Este recolle un orzamento de 381.022,32 euros, financiados ao 80% pola institución provincial e ao 20% polas arcas locais. De xeito paralelo redactarase o proxecto definitivo para crear a nova senda de 2,5 metros de largo e incluír todas as esixencias de Patrimonio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario