11 de dec. de 2017

A GUARDA

O CONCERTO SOLIDARIO DA ORQUESTRA PANORAMA CONSEGUE RECADAR 2.240 QUILOS DE ALIMENTOS E 2.859 € NA VENDA DE RIFAS

A recadación do concerto solidario que a Orquestra Panorama ofreceu na Guarda o pasado venres 8 de decembro logra que todas as familias da Guarda e do Baixo Miño poidan desfrutar do Nadal sen preocuparse polo que levan ás súas mesas

A Orquestra Panorama protagonizou na Guarda, un espectacular Concerto Solidario
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 A Orquestra Panorama chegou á Guarda o pasado venres 8 de decembro para celebrar un concerto benéfico a favor das asociacións locais Conrazones e San Vicente de Paúl, así como dos Servizos Sociais do Concello. Unhas 3.000 persoas reuníronse na Alameda para desfrutar da noite ó son da súa música, non sen antes pasar polos postos de recollida de alimentos das asociacións ou comprar algunhas rifas solidarias a algúns dos voluntarios repartidos pola zona. 

Vista parcial do público que asistiu na noite do pasado venres día 8 e na madrugada do sábado día 9 de decembro o concerto solidario que ofreceu a Orquestra Panorama na Alameda da vila de A Guarda
Foto: C. A.G.

 Segundo indican desde o executivo municipal do Concello de A Guarda, "o total de alimentos non perecedoiros e de Nadal recollidos ascende a 2.240 quilos, que se repartirán equitativamente entre Conrazones e San Vicente de Paúl. 

 Por outra parte, a venda de rifas acadou 2.859 euros, namentres que os establecementos dos arredores da Alameda aportaron 205 €, o que fai un total de 3.064 €, cantidade que se distribúe por igual entre as dúas asociacións participantes e os Servizos Sociais do Concello. 
  
 Isto significa que cada un percibirá un total de 1.021 € para a adquisición de alimentos e produtos, destinados a axudar ás familias máis necesitadas da Guarda e do Baixo Miño a desfrutar destas datas de Nadal sen preocuparse polo que van levar ás súas mesas. As cantidades serán abonadas directamente nos tres supermercados que colaboraron neste evento solidario coa achega dos lotes de produtos de Nadal sorteados durante o concerto". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario