95 ANOS DOS SUCESOS DE SOBREDO
MESA REDONDA "A VOZ DAS FAMILIAS"
Este martes día 28, a partir das 20:00 h., na Sala Félix Rodríguez, con acceso na parte traseira da Área Panorámica de Tui
Marga do Val / Tui
O Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo –IEAMSo- organiza este martes día 28 unha Mesa Redonda baixo o título “A voz das familias”, na que interveñen representantes das familias dos Mártires de Sobredo. Terá lugar na Sala Félix Rodríguez, con acceso na parte traseira da Área Panorámica de Tui, a partir das 20:00 h., (oito da tarde).
A actividade prográmase no día 28 de novembro, data do 95 aniversario dos sucesos de Sobredo; nos que perderon a vida: Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis, Venancio González, de Budiño, e Xaquín Estévez, de Soutelo, ao ser reprimida a tiros unha concentración opóndose ao embargo de bens dun veciño por non pagar o foro; un imposto medieval que permanecía sobre as terras en pleno século XX.
Coa Mesa Redonda, dentro do ciclo de actividades tituladas “Sobredo, 95 anos despois”, dáselle a palabra ás e aos descendentes das persoas falecidas nos tráxicos sucesos; para así poder contar coa súa testemuña e memoria que se transmite de xeración en xeración.
Monumento aos Mártires do Sobredo, trala ofrenda floral
O IEAMSo pecha con esta Mesa os actos de conmemoración anual dos feitos. O domingo 26 de novembro desenvolveuse ao pe do Monumento aos Mártires un acto cívico, coas intervencións de Xosé Alfredo Pereira, da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais; e Alba Nogueira, profesora na Universidade de Santiago e neta do escultor Camilo Nogueira, autor do monumento.
Nesta liña de traballo, co obxectivo de manter vivos na memoria os sucesos acontecidos en Sobredo o 28 de novembro de 1922, enmarcados na loita agraria e que remataría coa redención dos foros, o IEAMSo que traer Sobredo á actualidade e reivindicarmonos os valores solidarios e construtivos na procura dunha vida máis xusta, inspirándose nos principios que moveron á sociedade daquela época.
Ningún comentario:
Publicar un comentario