Satisfacción no BNG pola aprobación do convenio para unha transformación histórica da rúa Concepción Arenal na Guarda
“O BNG esíxelle ao PP que a Xunta cumpra coa Guarda e, como fixo a Deputación con Concepción Arenal, se comprometa a financiar un novo acceso ao Porto para evitar que o transito portuario pase polo centro da vila”
Angel Luis Baz Vicente amosase “satisfeito que o PSOE mudase esa visión curtopracista inicial e decidise finalmente apostar por este proxecto transformador redactado pola Deputación”
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda, nunha beirarrúa do tramo intermedio da rúa Concepción Arenal, na vila de A Guarda
Infogauda / A Guarda
“O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO amósase satisfeito pola aprobación no pleno, cos únicos votos favorábeis do PSOE e do BNG, do convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello da Guarda para a reforma da rúa Concepción Arenal, que vai posibilitar un investimento histórico no noso concello”. Así o ven de manifestar á este xornal dixital, Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG na Corporación Municipal de A Guarda.
“Este proxecto é fundamental - engade o voceiro nacionalista - para o cambio de modelo urbano do concello da Guarda porque transformará unha estrada no medio da vila nun espazo público pensado por e para as persoas, xerando dúas prazas públicas e creando espazos con accesibilidade universal para favorecer a mobilidade peonil e ciclista. Para o BNG, o concello da Guarda debería de aproveitar esta actuación da Deputación para implementar outra serie de medidas que vaian na liña de facer da Guarda un exemplo de mobilidade sustentábel, como a limitación do transito de vehículos no centro, xeración de aparcadoiros disuasorios, zonas 30, fomento de camiños escolares, etc., medidas xa analizadas e propostas no plan de mobilidade”.
“O proxecto de Concepción Arenal vai na liña do noso modelo para A Guarda, transformándoa nunha vila para as persoas, no que a xente se encontre na rúa, e se aposte polo comercio local. Desde o BNG pedirémoslle ao goberno municipal que aproveite esta oportunidade e continúe nesta liña”, asegurou Ángel Luis Baz.
O portavoz local do BNG tamén subliñou que “esta obra vai reportar ao Concello da Guarda uns investimentos de máis de 1.100.000 € da Deputación de Pontevedra dunha obra que custa 1.600.000 €, algo que non se vía en todos estes anos de goberno do PP.
O convenio aprobado polo pleno da Guarda é froito do compromiso do Deputado de Mobilidade, o nacionalista Uxío Benítez, quen deixou de manifesto que o proxecto de transformación da rúa Concepción Arenal debería sinalar un antes e un despois para o futuro da Guarda”.
Aceso novo ao porto da Guarda
Para o portavoz municipal do BNG no concello guardés “a transformación de Concepción Arenal debe vir acompañado de outra grande infraestrutura como é o novo acceso ao Porto da Guarda, do que a Deputación está redactando o proxecto. O porto da Guarda necesita dun novo aceso directo para que ás actividades portuarias poidan desenvolverse porque non ten sentido que o tránsito cara o porto se faga a través dunha rúa no medio da vila”.
O portavoz nacionalista non dubida en afirmar que “un novo acceso ao porto é posíbel e depende do PP, que debería preocuparse de conseguir que o Goberno da Xunta poña cartos enriba da mesa para dotar ao noso porto dun acceso decente, que impulsen as actividades económicas no porto, dado que teñen competencias directas e xa o fixeron noutros lugares”.
Por último, Ángel Luis Baz adianta que “o BNG vai seguir traballando para que a Xunta se comprometa a dotar unha partida para a execución do novo aceso ao porto da Guarda”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario