23 de nov. de 2017

TUI

A Xunta de Galicia publica no DOG o decreto polo que se dispón a urxente ocupación dos bens afectados polo proxecto de trazado do semienlace de acceso ao polígono industrial de Areas-Tui

O proxecto consistirá na execución dun enlace de conexión do polígono industrial de Areas-Tui coa Vía de altas prestacións e a A-55, unha actuación altamente demandada polos veciños e o sector empresarial da comarca 

A construción do enlace de Areas é a primeira actuación prevista dentro da planificación detallada que o Goberno galego vén de presentar para o desenvolvemento por fases dos treitos restantes da VAP Tui-A Guarda

Infogauda / Tui

 A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) polo que se decreta a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado do semienlace de acceso ao polígono industrial de Areas-Tui, desde a VAC Tui-A Guarda, treito I, que suporá un investimento de 18 millóns de euros por parte do Goberno galego. Para obter máis información pódese consultar premendo eiquí.  

 Este semienlace complementa á ligazón prevista entre a A-55 e a VAP Tui-A Guarda, conectando directamente o polígono de Areas con estas vías de alta capacidade, atendendo á demanda dos veciños e usuarios do polígono de mellora das conexións desta zona industrial.  

 O orzamento estimado para as expropiacións do semienlace é de case 270.000 euros e permitirán a expropiación das 66 fincas necesarias. A maiores, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa ten aboado 6,8 millóns de euros polas expropiacións do subtramo I da VAP Tui - A Guarda, que inclúen os terreos necesarios para executar o enlace entre a A-55 e a Vía de Altas Prestacións. 

 Actualmente, a Xunta está a traballar na integración do semienlace de Areas no proxecto completo do enlace entre a A-55 e a VAP Tui-A Guarda. O trazado do semienlace complementa á ligazón prevista entre a A-55 e a VAP Tui-A Guarda nas obras do subtramo I desta VAP, conectando directamente o polígono de Areas con estas vías de alta capacidade, atendendo á demanda dos veciños e usuarios do polígono de mellora das conexións desta zona industrial. 

 As obras proxectadas comprenden a construción de dúas glorietas en ambas marxes da autovía, unidas a través do paso inferior; delas parte o ramal de acceso á autovía e remata o ramal de saída da mesma. Ademais canalizarase o leito do regato San Martiño e restituiranse os camiños de servizo afectados, coa fin de establecer unha continuidade nos mesmos.  

 Coas actuacións proxectadas, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda pretende impulsar unha conexión estratéxica que atenderá a demanda empresarial e cidadá, favorecerá a mobilidade e os desprazamentos nesta área industrial e ofrecerá novas facilidades para que as industriais alí asentadas poidan medrar. A mellora das conexións suporá novas oportunidades para que o polígono se converta en polo de atracción de novos investimentos na provincia de Pontevedra e de toda Galicia.  

 A construción do enlace de Areas é a primeira actuación prevista dentro da planificación detallada que o Goberno galego vén de presentar para o desenvolvemento por fases dos treitos restantes da VAP Tui-A Guarda.  

 Os Orzamentos da Xunta para 2018 reservan unha partida de 2 millóns de euros para avanzar nesta actuación.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario