23 de nov. de 2017

TOMIÑO

TOMIÑO TÍNGUESE DE NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS 

O MUNICIPIO VÍSTESE DE LOITO CO GALLO DA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN QUE CONMEMORA O 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES



Infogauda / Tomiño

 Aínda que o morado é o color que soe tinguir o 25 de novembro este ano Tomiño conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres vestido de loito.  

 Ata o vindeiro domingo 26 de novembro, escaparates, rúas, edificios públicos, redes sociais e mesmo a roupa de traballo de moitos comerciantes tínguense de negro en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte.  

 Esta iniciativa enmárcase na campaña de sensibilización ‘En negro contra as violencias’, unha iniciativa á que este ano se adheriu o Concello de Tomiño xunto a outros 74 municipios e tres deputacións de toda Galicia para visibilizar e denunciar o máximo expoñente da desiguadade que sofren as mulleres, a violencia de xénero.
  

 Dende o Concello queren invitar a toda a cidadanía a participar nesta campaña e a acudir este venres 24 de novembro á lectura do manifesto que terá lugar ás 12:00 horas na Praza do Seixo con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Un manifesto conxunto que supón o colofón final a unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas capaz de implicar ao tecido asociativo, económico, cultural, educativo e social de cada concello como resposta colectiva ante as violencias.  

 Todos os tomiñeses e tomiñesas están convidados a participar tamén na sesión de ‘Contacontos pola igualdade’ que se celebrará no Mercado Municipal de Tomiño o sábado 25 de novembro a partir das 19.00 horas. A programación co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres rematará co espectáculo e obradoiro ‘Contamos todas’, que levará a cabo Tropa de trapo o 28 de novembro no IES Antón Alonso Ríos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario