24 de nov. de 2017

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INICIA UNHA NOVA FASE DO PLAN REVITALIZA QUE REPARTIRÁ COMPOSTEIROS DE TERRAZA  

O vicepresidente Mosquera anunciou unha “nova e derradeira” convocatoria para que os concellos se adhiran ao plan de compostaxe provincial  

Os composteiros comunitarios instalados ata o de agora en 21 concellos xa trataron entre 1.000 e 1.200 toneladas de biorresiduos nun ano 


César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vai dar un novo impulso á compostaxe coa posta en marcha da terceira fase do Plan Revitaliza. Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, a institución provincial vai abrir unha “nova e derradeira” convocatoria para que os concellos “que quedaron atrás” poidan adherirse ao plan provincial de compostaxe. De xeito paralelo, vanse adquirir novos centros de compostaxe comunitaria e composteiros individuais, entre os que se inclúe a novidade dos composteiros de terraza e balcón. 

 Mosquera asegurou que a Deputación decidiu poñer en marcha este novo prazo de solicitudes para participar no Plan Revitaliza debido ao interese mostrado polos concellos que non entraron na anterior convocatoria e que agora están interesados en ter un plan de residuos personalizado baseado na compostaxe co único compromiso de aplicar antes do 2020 o modelo provincial. “Aquí pechamos porque non temos xeito de atender. Non damos feito”, dixo.  

 O nacionalista destacou que é a última vez que se dá esta posibilidade posto que a Deputación “xa está ao límite das posibilidades de persoal” posto que nestes momentos xa hai seis concellos que están a traballar para xestionar todo o lixo orgánico mediante compostaxe en 2018 (Vilaboa, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario) e por fases (Pontevedra  e O Grove), así como outros que teñen o plan de residuos en redacción coa intención de comezar nun prazo de tres anos. O persoal técnicos provincial do Plan Revitaliza está dando soporte técnico a todos eles.  

 En canto aos resultados obtidos ata o de agora, Mosquera explicou que os 54 composteiros comunitarios instalados en 21 concellos que participaron na primeira fase “experimental” do Plan Revitaliza -para dar a coñecer o funcionamento dos centros de compostaxe e normalizar a súa utilización-xa levan tratado entre 1.000 e 1.200 toneladas de biorresiduos (restos de comida, vexetais, podas…) ao ano. “En comparación a todo o que se produce é pouco, pero en termos absolutos é moitísimo. Estamos indo a unha velocidade moi alta por iso agora coa nova convocatoria para os concellos queremos pechar”.     

 Máis composteiros comunitarios e individuais 

 Na terceira fase na que vai entrar o Plan Revitaliza está previsto que a Deputación merque máis composteiros comunitarios (400 módulos) e tamén individuais (1.500) para darlle aos concellos. Está en marcha unha novidade: a adquisición de composteiros individuais de terraza ou balcón (500).  Mosquera explicou que non estaba previsto entrar nesta tipoloxía de compostaxe pero destacou  que existe esa demanda. “Tanto os mestres composteiros como eu mesmo descubrimos que xa hai xente que o está a facer. En Pontevedra hai xente que ten un composteiro no balcón. E por outro lado hai xente que se dirixe a nós demandándonolo. Obviamente é unha variante moi interesante, pero non é para todo o mundo”, indicou Mosquera, que puntualizou que as experiencias deste tipo de composteiros, polo seu coñecemento, funcionan “moi ben”.  

 Segundo indicou o vicepresidente, poderanse subministrar estes composteiros á xente que viva nun piso e teña unha terraza de certo tamaño (4 ou 5 metros cadrados), xunto a todo o material estruturante (mediante un punto de recollida) e o equipamento para mantelo. A diferencia fundamental entre os composteiros individuais para poñer en hortas e os de balcón está en que os primeiros son abertos por abaixo para estar en contacto coa terra, mentres que os segundos son de menores dimensións e teñen unha tapa inferior.  

 “Estamos nunha fase acelerada. Imos tomando medidas que irán nas vindeiras xuntas de goberno para mercar composteiros comunitarios, individuais e de terraza para seguir expandindo a compostaxe e darlle aínda máis impulso. A verdade é que imos a grande velocidade porque en setembro de 2015 dixemos que o obxectivo para finais de mandato era ter aplicada a compostaxe ou en proceso para 100.000 persoas, e imos superar esa cifra”, asegurou Mosquera. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario