A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ‘EXPORTARÁ’ A SÚA NOVA GUÍA DE MOBILIDADE SUSTENTABLE A PRETO DE 200 ADMINISTRACIÓNS E ASOCIACIÓNS DO ESTADO
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez participou hoxe no Foro de xestores de estradas de deputacións, cabildos e consellsen Madrid
O nacionalista explicou a política viaria do goberno pontevedrés e anunciou que porá a disposición o documento
Na imaxe aparecen representantes de distintas administracións relacionadas coa Mobilidade no estado. Na cabeceira da mesa, o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández
Foto: D.P.
Foto: D.P.
Infogauda / Madrid
A Deputación de Pontevedra exportará a súa nova Guía Práctica de Mobilidade Sustentable a preto de 200 administracións, asociacións e colectivos do resto do Estado español. Así o indicou hoxe en Madrid o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, quen participou no Foro de xestores de estradas de deputacións, cabildos e consells organizada pola Asociación Española de la Carretera (AEC).
Benítez explicou neste foroque a Deputación está a redactar un manual práctico con solucións e experiencias concretas de deseño para fomentar a mobilidade amable, a seguranza viaria e a calidade urbana baseada na experiencia das estradas e os espazos públicos provinciais, sobre todo en materia de calmado de tráfico. Destacou que nestes momentos existe un grupo de traballo liderado polo enxeñeiro e experto en Mobilidade urbana Fernando Nebot que está a desenvolver o documento, que se prevé estará listo no vindeiro ano.
Entre as cuestións que recolle a nova guía provincial están a necesidade de reclasificación as vías provinciais, as características que deben ter os dispositivos de precaución, e a necesidade de obrigar á redacción de proxectos técnicos de seguranza viaria en cada actuación que se desenvolva nunha estrada. Así mesmo, haberá referencias sobre como deseñar rúas e espazos de preferencia peonil, sobre estradas con beirarrúas separadas e plataformas únicas, seccións de calzadas e estacionamentos e recomendacións de calmado de tráfico xerais, dispositivos verticais, elementos para marcar a continuidade dos circuítos peonís no medio urbano disperso e en núcleos rurais, así como características técnicas dos redutores de velocidade e pasos de peóns sobreelevados.
Unha vez finalizada a guía, segundo dixo Benítez, poñerase a disposición do resto dos membros da AEC para que a utilicen como recomendación e sigan os seus criterios. Incluso se está a estudar a posibilidade de realizar unha xornada formativa en Galiza para presentala ante os principais actores relacionados coa mobilidade. En xeral, dixo o nacionalista, houbo moita receptividade ante o traballo que está a realizar a Deputación de Pontevedra, que foi cualificado por moitos dos asistentes á reunión do Foro como “de moito interese”.
Firmes e sinalización horizontal
A reunión á que asistiu hoxe o deputado Uxío Benítez contou coa participación de representantes de máis de 20 deputacións do resto do Estado español, así como doutras administracións autonómicas e municipais. No encontro de traballo debatiuse sobre o investimento, tráfico e seguranza viaria nas redes locais, e tamén se deu conta da ‘Guía para o deseño de firmes nas estradas dependentes das administracións locais’ e dos avances na ‘Guía de boas prácticas de sinalización horizontal en estradas locais’ que ten en marcha a AEC, entre outras cuestións.
A Deputación de Pontevedra forma parte da Asociación Española de la Carreteradende hai apenas un mes. Trátase dun colectivo estatal que agrupa a 198 socios (administracións, asociacións, centros de investigación, colexios profesionais, construtoras, concesionarias, entidades de seguranza viaria…) implicados no desenvolvemento e mellora da mobilidade e das estradas da rede viaria no estado. A AEC acordou colaborar coa Deputación de Pontevedra, segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, no desenvolvemento de estudos e traballos de investigación, na organización de congresos, reunións, seminarios e conferencias, e tamén na produción de material de difusión, ademais de aportar asesoramento e outros servizos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario