A Guarda conmemorou o Día Internacional contra as Violencias Machistas
Con teatro, cinema e música
O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz e as concelleiras Montserrat Magallanes, María Teresa Vicente e Elena Baz, procederon á colocación dunha pancarta na que se pode ler a mensaxe: «Contra todas as Violencias Machistas» Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello da Guarda promoveron dende o pasado xoves unha serie de actividades culturais con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemorou o pasado 25 de novembro. Teatro, cinema e unha actuación musical completaron a oferta cultural na vila guardesa, á que se uniron centenares de persoas.
A
programación deu comezo o pasado xoves, 23 de novembro, coa proxección de «Lurna» no Centro Cultural. A
curtometraxe, dirixida polo guardés Nani Matos, mostrou aos máis de medio
cento de persoas asistentes a historia, baseada nun caso real, dunha muller
senegalesa que abandona o seu país na procura dunha vida mellor. Lurna,
protagonista da trama, termina sendo vítima da explotación sexual.
O cineasta Nani Matos - a dereita da imaxe - co subinspector da Policía Nacional, no coloquio posterior a proxección de "Lurna"
O
director do filme e o subinspector da Policía Nacional na sección de
estranxeiría, Suso Conde, iniciaron deseguido un coloquio sobre a explotación sexual feminina como máxima
expresión da Violencia de Xénero. Propiciouse, así, un debate moi
participativo no que o público mostrou gran interese tanto polos aspectos máis
cinematográficos relacionados coa rodaxecomo pola problemática da trata de
seres humanos na actualidade. O subinspector aportou ao respecto a súa
experiencia na intervención en casos de explotación sexual e achegou a esta
curtametraxe a súa visión dende o ámbito legal e policial.
Xa
na mañá do sábado, 25 de novembro, tivo lugar na Casa dos Alonso un acto
institucional conmemorativo no que a concelleira de Cultura, Educación e
Xuventude, Elena Baz Rodríguez; a concelleira de Servizos Sociais, Sanidade e Igualdade, María Teresa Vicente Baz; a concelleira de Turismo, Facenda e Desenvolvemento Económico, Montserrat
Magallanes Alvarez; e o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, procederon á
colocación dunha pancarta na que se pode ler a mensaxe: «Contra
todas as Violencias Machistas».
Deseguido,
o rexedor local dirixiuse aos asistentes para «manifestar a máis absoluta e enérxica condena ante as situación de
violencia que, aínda que pareza inconcibible, continúan a producirse». Nesta
liña, subliñou Lomba, «non podemos caer no perigo dede normalizar
os asasinatos por violencia de xénero, xa que estamos a ser testemuñas de como estas novas se
convirten nunha máis nos telexornais e diarios, e as cifras son realmente
arrepiantes». Así, referiu o alcalde, 45 mulleres foron asasinadas no que
vai de ano, e 3 máis atópanse en proceso de investigación. Amais, 28 menores
quedaron orfos a causa dos asasinatos machistas.
Estes datos, engadiu o
alcalde, «teñen
que facernos reflexionar sobre o que está acontecendo, por iso é tan importante
levar a cabo iniciativas tendentes a mellorar a prevencións a través do
incremento de medidas de sensibilización e educación». Nesta liña, «dende o Concello da Guarda asumimos o noso compromiso nesta loita
contra calquera acto que atente conta a integridade e a dignididade das
mulleres, apoiando as vítimas e transmitindo ás xeracións futuras o respeto, a igualdade
entre mulleres e homes, e a defensa dunha
sociedade xusta e igualitaria na que podamos participar libre e equlibradamente
en todos os ámbitos e tomar conxuntamente as decisións que nos afectan», concluíu Antonio Lomba.
Silvia Penas, do grupo Cintaadhesiva
O
grupo Cintaadhesiva pechou o acto cunha actuación poético-musical na que os
versos, os sons e as imaxes se mesturaron ofrendo unha
experiencia musical totalmente orixinal, e orientada á lembranza das vítimas da
violencia machista e a defensa da igualdade entre mulleres, homes, nenas e
nenos.
O
broche de ouro da programación cultural conmemorativa do 25N viu da man da
representación teatral «Nacidas libres». O Centro Cultural encheuse
para visualizar a obra, na que se relata a historia de catro actrices que
deciden emprender e montar uha peza inspirándose nunha noticia aparecida nos
xornais sobre tres monxas indias retidas nun convento de Santiago de Compostela
contra a súa vontade. A partir desta trama, o espectáculo ofreceu ao público
múltiples reflexións sobre a liberdade, a desigualdade e os condicionantes
culturais, todo elo dende a perspectiva de xénero e sen perder o humor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario