12 de out. de 2017

VILABOA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA APROBARÁ ESTE LUNS UNHA AXUDA DE  MÁIS DE 54.000 EUROS PARA CREAR O PARQUE FORESTAL ‘MIRADOIRO DE COTORREDONDO’ EN VILABOA 

O vicepresidente Mosquera destaca que a institución provincial pretende  “corrixir e mellorar un dos maiores problemas ambientais de Galiza: o mal estado do monte” 

Vistas desde o parque forestal ‘Miradoiro de Cotorredondo’
Fotos: C. V.

Infogauda / Vilaboa

 A Deputación de Pontevedra aprobará este luns en Xunta de Goberno unha axuda de máis de 54.000 euros para a creación do parque forestal ‘Miradoiro de Cotorredondo’ en Vilaboa. Esta achega inclúese dentro do plan axudas a concellos para a mellora dos montes da provincia mediante a creación de parques forestais, que terá un importe total a repartir de 443.966,87 euros. Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, impulsor da iniciativa, “o maior problema ambiental de Galiza, e en concreto das Rías Baixas, a día de hoxe é o mal estado do monte. Esta liña de axudas da Deputación é un esforzo para intentar corrixir e mellorar a situación, xa que o desleixo nos montes é algo masivo, un desastre absoluto”. 

 O parque forestal ‘Miradoiro de Cotorredondo’ terá unha superficie de 53 hectáreas emprazadas no Concello de Vilaboa, sendo o terreo da comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres, que vén de cedelo ao municipio. A Deputación concederá oficialmente a Vilaboa o luns un total de 6.360 euros para a redacción do proxecto do parque (o 80% do orzamento total de 7.950 euros), así como tamén 47.700 euros para a execucións das actuacións indicadas nese proxecto, o que supón tamén o 80% do investimento orzamentado.  

Unha das mámoas do parque forestal de Cotorredondo


 O parque forestal de Cotorredondo será singular, xa que os seus 549,5 metros de altitude sobre o nivel do mar fan que teña unha das mellores vistas da contorna das Rías Baixas. Así mesmo, existe na superficie de actuación unha necrópole composta por cinco mámoas e un petróglifo catalogadas. Todo isto, xunto á súa situación entre Vigo e Pontevedra, e a súa proximidade ao parque do Lago Castiñeiras, fai que poida ser un dos puntos sur da provincia con máis interese paisaxístico e didáctico. 

 Neste espazo, así mesmo, distínguense plantacións de especies frondosas caducifolias como castiñeiros e carballos, e de coníferas de piñeiro, así como unha zona de colección botánica composta por especies arbóreas de catro espazos do mundo, que é preciso liberar de especies invasoras que provocan a necesidade de actuar sobre esas masas “asfixiadas” para acadar obxectivos de usos do monte produtivo, recreativo e conservacionista.  

 Neste sentido, no proxecto prevense realizar labores de conservación de masas frondosas autóctonas, a eliminación de especies invasoras e pirófitas coma o eucalipto e a acacia, cun tratamento integral en todo o parque  para fomentar o uso social e recreativo do monte. A día de hoxe, de feito, estas especies dificultan a visibilidade das panorámicas aos visitantes e, así mesmo, son un factor de risco para os lumes forestais, tanto por favorecer a propagación do lume coma por evitar a labor de apoio dos medios de extinción. 

 No parque tamén se prevé mellorar a oferta de actividades didácticas e de lecer, obter madeiras de calidade tanto polos tratamentos silvícolas como acadar unha pequena e local economía circular, así como potenciar o uso produtor coa obtención de madeira, leñas e a produción de cogomelos, así como a colleita de mel. 

 Dentro da superficie a mellorar existe un antigo parque biosaludable, composto por táboas de exercicios de madeira, que debe ser arranxado e restaurado para uso e desfrute de visitantes e comuneiros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario