30 de out. de 2017

RANDUFE (TUI)

A ASOCIACIÓN CULTURAL E DEPORTIVA "XUNTANZA" AVANZA SEU PROGRAMA DE ACTIVIDADES





Asociación Cultural e Deportiva "Xuntanza" / Randufe

 Xa está aquí o outono e nós queremos facerche unhas cantas propostas que che poden interesar: festa do magosto, mostra teatral, obradoiro para facer tarrañolas, e roteiro-charla para coñecer plantas silvestres comestibles. 

Interesante, verdade? Participas con nós? 

MAGOSTO 

Unhas ricas castañas sempre sentan moi ben, por iso convidámoste ó noso magosto o domingo 5 de novembro. Será despois da actuación dos grupos de teatro que van participar na “VIII Mostra Teatral Miguel Troncoso”. Degustaremos xuntos/as as mellores castañas asadas e viño de balde. 

VIII MOSTRA TEATRAL MIGUEL TRONCOSO 

· Domingo 5 de novembro ás 18:00 horas: comezamos con dúas obras realizadas polos pequenos da casa para toda a familia. 

> Grupo de teatro Remolóns e Pantuflas Verdes de C.C. Beade, que presentan “Camiño da fama”, humor, mimo e improvisación son os estandartes destes pequenos artistas. 

> Teatro Garabullada, da nosa Asociación, coa obra “Vaya lata de Pirata”. Uns temibles piratas que, coma sempre, queren atopar un valioso tesouro. 

· Domingo 12 de novembro ás 18:00 horas: Contamos co grupo xuvenil Remolóns teatro de C.C. Beade, co drama “Pistoleando: unha de gansters”. Chicago, 1926. Cidade de segredos. Un despacho e un cabaret: un home opresor e unha muller feita a si mesma; unha familia disfuncional e unha familia que non o é. Cando cae a noite as súas historias crúzanse,... da peor forma posible. 

Obra non recomendada para menores de 10 anos. 

· Domingo 19 de novembro ás 18:00 horas: actuará o grupo de Teatro do centro cultural San Fins de Rebordans, coa comedia “O Indiano”. A historia dun pobo.... pódese transformar, dun día para outro... cando hai gañas e vontade. 

 Lembra: Para entreter ós máis cativos teremos taller de chapas, manualidades, taller de pintacaras e xogos durante a representación das obras os días 12 e 19 a cargo de En un Tristrás. 

OBRADOIRO DE CONSTRUCIÓN E INICIACIÓN ÁS TARRAÑOLAS 


 Neste obradoiro, ademais de construír as nosas propias tarrañolas, aprenderemos a técnica e execución dos ritmos básicos como muiñeira, xota, etc. O curso vaise realizar o domingo 12 de novembro de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00h na nosa casa cultural. O prezo será de 15 € para socios/as e de 19 € para non socios/as. As prazas son limitadas e o curso realizarase cun mínimo de 10 persoas. Para máis información e para apuntarte chama o telf.: 646.646.500 ou manda un correo electrónico a: acdxuntanza@gmail.com. Último día para anotarse o luns 6 de novembro. 

ROTEIRO PARA O RECOÑECEMENTO DE PLANTAS SILVESTRES COMESTIBLES 

 Temos o pracer de contar coa colaboración do biólogo Cesar Lema que ven de publicar o seu libro “Bienaventurada la maleza porque ella te salvará la cabeza”. Nunha charla explicaranos os usos das plantas silvestres e de seguido faremos un pequeno roteiro para identificalas. 

 Quedades emprazados para o sábado 25 de novembro de 10:30 a 13:30 na nosa casa cultural. O roteiro é de balde pero podedes colaborar aportando aceite de cociña usado. O autor tamén terá o seu libro a venda por importe de 25€. 

 Agardamos que estas propostas sexan do voso interés! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario