UXÍO BENÍTEZ: “A DEPUTACIÓN CAMBIARÁ O MODELO DE MANTEMENTO DA REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS PARA SER MÁIS EFICIENTE”
O deputado de Mobilidade anunciou hoxe a aprobación dun contrato marco de 3.915.000 de euros anuais para executar obras básicas de conservación
A provincia dividirase en tres zonas dirixidas por enxeñeiros provinciais que terán ao seu cargoas actuais brigadas e parques de maquinaria e xestionarán os contratos de mellora de firmes e de sostemento
Uxío Benítez - a dereita da imaxe - na rolda de prensa
Fotos: D.P.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra está a cambiar o seu modelo de mantemento da rede de estradas provinciais para ser máis eficiente. Así o indicou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, quen sinalou que no vindeiro pleno vaise aprobar un contrato de case catro millóns de euros anuais que suporá unha nova ferramenta de traballo para planificar actuacións de conservación nos 1.700 quilómetros da rede viaria provinciais seguindo criterios técnicos.
Benítez destacou que o novo goberno provincial pretendemellorar a seguranza viaria nas estradas propias -eixo que se incluíu na Estratexia 3.0-, para o que é prioritario dispor dun mantemento viario correcto e organizado. “É fundamental garantir a eficiencia dos cartos públicos. Temos 1.700 quilómetros de estradas e cando chegamos ao goberno non había planificación nin xestión suficiente para dar resposta aos problemas, facíanse obras a salto de mata”, explicou o nacionalista, que engadiu que o primeiro cometido do novo director de Mobilidade, Daniel Romay, foi “corrixir o desorde existente” e dotarse de ferramentas administrativas para actuar de xeito eficiente, con racionalidade e incluso aforrando recursos.
Uxío Benítez, acompañado por dous técnicos da Deputación de Pontevedra cos galardóns acadados polo Proxecto MÓVESE
Ata o de agora, a Deputación vén traballando no mantemento das estradas–sen ter en conta os firmes- a través das brigadas e dos parques de maquinaria, así como contratando de forma individual moi diferentes obras (muros, drenaxes, gabias…), servizos (desbroces), sinalización, e subministración por un montante global que roldaba os 5,3 millóns de euros por ano. Algúns destes contratos non estaban ben dimensionados, non eran operativos, e non permitían planificar a dotación e conservación.
Por este motivo, o servizo de Mobilidade plantexou un cambio que manterá a actividade das brigadas e dos parques cunha nova división territorial (organizando a provincia en zona Norte, centro e Sur), e que reformulará a maneira de realizar as obras externas cun único contrato administrativo por un orzamento de 3,9 millóns de euros ao ano, e cunha duración de catro exercicios cun total de case 16 millóns de euros de cara a 2021.
O novo contrato de mantemento que se aprobará no pleno deste mes incluirá actuacións programadas: dúas campañas anuais de desbroces, unha de limpeza e reapertura de gabias cada catro anos, e un repintado de marcas viarias cada catro anos. Tamén contemplará operacións de atención de incidencias como a retirada e limpeza de aterramentos, saneo de noiros, estabilización de noiros con muros, execución de colectores ou drenaxes, e a colocación ou reparación de sinalización vertical, balizamento e sistemas de contención de vehículos, entre outras cuestións.
Así, reducindo a inversión en conservación ordinaria optimizaranse os recursos, organizarase de xeito racional a atencióndas necesidades do patrimonio viario, e atenderanse con máis axilidade as demandas da veciñanza, xa que non será preciso iniciar un procedemento burocrático por cada unha das obras. “Todas as actuacións de mantemento e conservación son cada vez máis demandadas pola veciñanza, que ata agora non entendía como para facer pequenas obras se tardaba tanto tempo polos trámites burocráticos. Agora teremos facilidade para atender as peticións”, explicou o director de Mobilidade Daniel Romay.
Investimento de 33,2 millóns de euros ata 2021
Segundo explicaron os responsables de Mobilidade, cada unha das tres novas zonasde mantemento de estradas na provincia–Norte, centro e Sur- estará ao cargo dun enxeñeiro funcionario da Deputación. Este dirixirá ás correspondentes brigadas e os parques de maquinaria, que seguirán a facer, igual que ata agora, pequenas actuacións de mellora da vialidade, vialidade invernal e atención de emerxencias.
A maiores, os tres enxeñeiros de zona disporándo novo contrato de conservación de 3,9 millóns de euros anuais dado a coñecer hoxe para resolver incidencias segundo o consideren tecnicamente. Tamén poderán utilizar o contrato marco de mellora de firmes, que actualmente está en fase de valoración de ofertas, e que ten un orzamento de 19,6 millóns de eurosata 2021. Este facilitará a contratación de pequenas actuacións de asfaltado por incidencias menores (creación de fendas, pavimentos escorregadizos, fochancas…) tamén sen necesidade de iniciar contratos individuais, como se facía durante o anterior goberno provincial.
Así, a Deputación vén de organizar un sistema de mantemento –firmes e marxes- para a rede de estradas da súa titularidade polo que se investirán de xeito planificado máis de 8,3 millóns ao ano, o que supón que nos vindeiros catro exercicios se aportarán 33,2 millóns de euros aos 1.700 quilómetros de vías da provincia.
Agradecemento ás brigadas e ao parque polo traballo na vaga de lumes
Por outra parte, o deputado Uxío Benítez, quixo aproveitar a súa comparecencia para agradecer publicamente aos traballadores da Deputación, tanto condutores do parque de maquinaria como membros das brigadas territoriais, “pola labor inxente que fixeron nesa dramática situación que tivo que vivir o noso país neste domingo pasado e que obrigou a que os servizos de emerxencia das brigadas e maquinaria de propiedade da Deputación, a petición da Xunta de Galicia, estivera traballando a disposición do servizo de extinción de incendios”.
“Xa se lles trasladou persoalmente o agradecemento en nome meu e da presidenta, pero quería facelo en público porque o seu comportamento foi exemplar e os honra terse comportado dese xeito xeneroso e activo nese momento tan delicado que tivemos que vivir”, finalizou o nacionalista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario