23 de out. de 2017

OIA

O CONCELLO DE OIA RECIBIRÁ DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA MÁIS DE 13.500 EUROS PARA DESEÑAR O PARQUE FORESTAL DA SERRA DA GROVA E DA COSTA 

O vicepresidente César Mosquera explica que o proxecto para a área de actuación, de 196 hectáreas, debe contemplar medidas de prevención de incendios, poñer en valor elementos patrimoniais e dinamizar usos 

Fotografías: Ginio Vicente Pereira

Infogauda / Oia

 O Concello de Oia recibirá 13.552 euros da Deputación de Pontevedra para deseñar o proxecto do parque forestal da Serra da Grova e da Costa de Oia. O vicepresidente César Mosquera explica que o proxecto para a area de actuación, de 196 hectáreas, debe incluír medidas relativas á prevención de lumes, á posta en valor da paisaxe eelementos culturais, patrimoniais e de equipamentos, xunto con propostas de dinamización de usos e aproveitamentos económicos.  

 O deputado nacionalista, impulsor da liña de axudas da Deputación-que vén de repartir 443.966,87 euros entre dez concellos da provincia para 16 parques forestais-, considera que “o monte é o gran esquecido” polas administracións públicas, polo que a intervención provincial, sen competencias nesta materia,“é sumamente necesaria e oportuna” xa que supón un esforzo por corrixir a situación. 

 Segundo insistiu o vicepresidente Mosquera, todos os proxectos para os novos parques forestais, segundo obrigan as bases da convocatoria,deberán ter un apartado ou plan específico de medidas encamiñadas á protección contra os incendios forestais, coa eliminación de especies invasoras, a plantación de frondosas autóctonas creando devasas e cortalumes, a creación e rede de puntos de auga, así como a diminución de combustible mediante a corta vertical e horizontal de masas. Este apartado de prevención de incendios ten se cabe máis importancia no parque forestal de Oia, xa que se trata dun concello declarado zona de alto risco de lume dende o ano 2007. 

 Valores a potenciar  

 O valor paisaxístico da Costa de Oia e serra da Grova resulta amplamente coñecido pola poboación en xeral. A día de hoxe existe unha grande afluencia de persoas a esta zona que demandan simplemente o disfrute da paisaxe. Numerosas organizacións veñen solicitando á Xunta a inclusión deste territorio na Rede Natura 2000 polos seus valores naturais: tanto o paisaxístico como a fauna, a vexetación e a presencia de ecosistemas. 



 Así mesmo, o monte de Oia ten un forte carácter forestal, sobre todo a través do aproveitamento madeireiro, que dende a comunidade de montes se está ordenando para aumentar a diversidade de frondosas autóctonas fronte ao eucalipto e o piñeiro. Outros aproveitamentos que se realizan son a micoloxía (non regulada) e a gandeiría (os pastos de zonas altas son aproveitados por rabaños de vacas e ovellas, así como de cabalo galego característico, e na zona de Chavella tamén hai unha explotación de gando caprino, axeitado para a abrupta orografía). 




 Por outra parte, Oia está intimamente vencellada ao patrimonio arqueolóxico e á arte rupestre dada a grande variedade e número de elementos que albergan os seus terreos. Existen dúas grandes áreas: a dos petróglifos da Pedreira, situados no miradoiro de A Riña, dende onde hai unha panorámica excelente sobre a enseada e o mosteiro de Oia, e o Castro de Chavella, dende onde se pode gozar dunha extraordinaria vista panorámica cara a costa e con ampla visibilidade cara a zona de alta montaña. Nesta área pódense apreciar restos dunha muralla exterior, un recinto rectangular na acrópole, terrazas, paramentos e incluso un petróglifo, así como outras estacións arqueolóxicas menores e moito patrimonio arqueolóxico sen catalogar. 




 No canto do patrimonio etnográfico, destaca unha construción que da importancia do sector forestal: a casa forestal de Valga, proxectada no 1910 polo enxeñeiro Areses, para a que na actualidade está solicitada licencia de reconstrución e conversión un centro de interpretación dos valores naturais, culturais, forestais e gandeiros da Valga e da Costa de Oia. Outro valor cultural propio é a existencia de curros que atraen anualmente ata estes montes a milleiros de visitantes.  

 Sobre o uso público, o monte de Oia é frecuentado por veciñanza e turistas que practican diferentes actividades de sendeirismo (creouse en 2013 un roteiro denominado ‘ruta máxica de Oia’), e tamén de parapente, escalada e BTT, existindo diferentes empresas de aventura que ofertan diferentes actividades. 

 O proxecto do novo parque forestal que vén de subvencionar a Deputación pretende optimizar todos estes elementos, establecendo, entre outras cuestións, unha rede de miradoiros da costa e da serra, roteiros de sendeirismos para unir o núcleo de poboación coa casa forestal de Valga, converter o contorno desa casa nun grande espazo de lecer vencellado ao mundo forestal, así como poñer en valor os diferentes elementos patrimoniais, contratando unha prospección de todo o monte para catalogar os elementos non inventariados. Por outra parte, ademais das mencionadas medidas de prevención de incendios, tamén se fará un inventariado de unidades ambientais e de paisaxe, coa catalogación de especies de especial valor e vulnerable, e a eliminación de especies invasoras (eucaliptos e acacias) e a consolidación de frondosas autóctonas nas áreas situadas ó oeste da pista da Molina e estrada á Valga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario