A Xunta de Galicia convoca aos propietarios dos terreos afectados polas obras de mellora da estrada entre Pancenteo e Marzán, no Rosal para o pago dos depósitos previos
Os propietarios dos terreos deberán achegarse á Casa do Concello do Rosal o día 19, entre as 10 e as 11.00 horas
Con estas actuacións, que teñen un prazo de execución de 6 meses, acadarase unha mellora da estrada entre os puntos quilométricos 3+150 ao 5+360
As obras previstas contemplan a mellora da sección da estrada, renovación e ampliación das beirarrúas, incorporación dunha senda peonil, substitución da drenaxe lonxitudinal e reforzo de firme ao longo do treito obxecto do proxecto
Infogauda / O Rosal
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se convoca aos propietarios dos terreos afectados polas obras de mellora da estrada que une as localidades de Pancenteo e Marzán (PO-353), ao seu paso polo Rosal, para o vindeiro 19 de outubro para o pago dos depósitos previos. Para obter máis información, pódese consultar premendo eiquí.
Os titulares dos terreos afectados deberán achegarse á Casa do Concello do Rosal na citada xornada, entre as 10 e as 11.00 horas. No suposto de non terse xuntado a documentación acreditativa da titularidade, procederase á consignación do importe na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, polo que, como marca o Regulamento de expropiación forzosa, convócase o acto de formalización das actas de ocupación, na Casa do Concello o mesmo día 19, entre as 10 e 13.00 horas, e o 20 no mesmo horario
O proxecto ten por obxectivo a mellora da seguridade viaria en máis de 2,2 quilómetros e a accesibilidade, tanto dos vehículos como dos peóns, actualizando e completando a drenaxe e a sinalización existente en dita estrada.
As obras, que darán continuidade ás executadas na Guarda e que teñen un prazo de execución de 6 meses, contemplan unha actuación na sección da estrada, a renovación e ampliación das beirarrúas, a incorporación dunha senda peonil, a substitución da drenaxe lonxitudinal, e a ampliación das drenaxes transversais.
Con estas accións aumentaranse a comodidade e seguridade da circulación ao ampliar o raio das curvas e facilitaranse os xiros en condicións máis seguras, reordenando as interseccións existentes no tramo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario