21 de out. de 2017

MONDARIZ

O CONCELLO DE MONDARIZ RECIBIRÁ PRETO DE 110.000 EUROS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PARA CREAR TRES PARQUES FORESTAIS NO MUNICIPIO 

O vicepresidente César Mosquera destaca que as iniciativas pretenden aplicar medidas de prevención de incendios, poñer en valor elementos patrimoniais e culturais e dinamizar aproveitamentos económicos 

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra 
Foto: D.P.

Infogauda / Mondariz

 O Concello de Mondariz recibirá 109.543 euros da Deputación de Pontevedra para crear tresparques forestais no municipio: o Monte de Lagoa, Vieiro de Franqueira e Gargamala. Esta achega inclúese dentro do plan impulsado pola institución provincial para redactar proxectos eaplicar medidas nos montes da provincia relativas á prevención de lumes, á posta en valor da paisaxe eelementos culturais, patrimoniais e de equipamentos, xunto coa dinamización de diferentes aproveitamentos económicos.  

 O vicepresidente Mosquera, impulsor da liña de axudas -que vén de repartir 443.966,87 euros entre dez concellos da provincia para 16 parques forestais-, considera que “o monte é o gran esquecido” polas administracións públicas a pesar de ser “o maior problema ambiental de Galiza”. Destacou que os problemas de planificación e desleixo son “algo masivo, un desastre absoluto en xeral”,  polo que a intervención provincial, aínda sen competencias nesta materia,“é sumamente necesaria e oportuna” xa que supón un esforzo por corrixir a situación. 

 A subvención provincial para o Concello de Mondariz vén de ser aprobada en Xunta de Goberno, destinándose 9.583 euros para a redacción do proxecto do parque forestal de A Gargamala; 45.900 euros para a execución de actuacións para o parque de Vieiro da Franqueira (para o que xa había un proxecto redactado), así como un total de 54.060 euros para a redacción do proxecto e a realización de actuacións no parque de Monte da Lagoa.  

 Segundo insistiu o vicepresidente Mosquera, todos os proxectos para os parques forestais, segundo se establece nas bases da convocatoria, terán un apartado ou plan específico de medidas encamiñadas á protección contra os incendios forestais, coa eliminación de especies invasoras, a plantación de frondosas autóctonas creando devasas, así como a diminución de combustible mediante a corta vertical e horizontal de masas.  

 Monte da Lagoa 

 O parque forestal de Monte da Lagoa terá 58 hectáreas de superficie. A maior parte do terreo está poboada por piñeiro do país, se ben tamén está mesturado o carballo americano. Así mesmo, existe un xardín botánico creado pola comunidade de montes na que se plantaron diferentes especies de coníferas e frondosas, pero moitas destas árbores teñen escaso crecemento , non acadando os obxectivos didácticos e recreativos que se pretendían aportar á veciñanza. A intención do novo parque é realizar actuacións para a mellora deste espazo e procurar con elas o obxectivo inicial.  

 En canto á paisaxe, preténdense potenciar miradoiros para gozar da vista da vila de Mondariz Balneario e do val do río Tea, encaixado tras as montañas da serra do Galleiro, nunha contorna presidida polo castelo de Vilasobroso. Nos límites do parque tamén está o Carballo da Armada, árbore simbólica de elevado porte e beleza que supón un lugar de visita moi importante para a veciñanza dos arredores, que tradicionalmente se reúne a carón del o día da Festa da Franqueira.  

 No parque tamén se poñerá en valor o patrimonio etnográfico da zona, xa que están próximas as mámoas da Armada, perfectamente recoñecibles e en bo estado de conservación, así como os marcos ou ‘mojóns’ da Fraga do Rei, testemuña da influencia histórica do lugar. Por outra parte, xunto ao río Xabriña existe unha levada en uso que sorte de auga aos campos e fincas da vila, xunto a outros recursos etnográficos como muíños, pontes e pontellas. En canto aos equipamentos, manteranse dentro da área unha instalación deportiva cedida pola comunidade de montes ao concello e os terreos alugados para o club hípico de Mondariz.  

 En xeral, a intención do novo parque subvencionado pola Deputación dende o departamento de Vicepresidencia é desenvolver o potencial do monte para levar a cabo actividades de sendeirismo, paseos en bicicleta e a cabalo, xa que existen elementos suficientes de atracción para crear un lugar de esparcemento. Así mesmo, apostarase por darlle aos terreos un uso multifuncional con aproveitamento económico baseado na produción de madeira, de leña e cogomelos, entre outros froitos. 

 Vieiro da Franqueira 

 O parque forestal de Vieiro da Franqueira pretende dar un pulo á vida social, cultural e económica deste monte de Mondariz, dado que se agarda que haxa un aumento de afluencia de veciñanza e turistas. Para isto, no proxecto apóstase por mellorar as condicións da contorna, na que hai elementos que aportan moito interese como poden ser o Castro de Coto de Santo Tomé, a necrópole megalítica de Campo do Mouro (con 7 mámoas), petróglifos, unha pista deportiva para restaurar preto do núcleo de Poñe, así como un enclavado de interese histórico: a devesa real na que se conservan os marcos coa marca real ‘R’ inscrita na pedra. 

 Entre outras actuacións tamén se prevé actuar na masa forestal para obter madeiras de calidade, mellorando o ecosistema coa plantación de especies autóctonas, e favorecer a proliferación de cogomelos, froitos do bosque e subprodutos como a mel.  

 Gargamala 

 O monte veciñal da Gargamala para o que se realizará un proxecto de parque forestal grazas á axuda económica da Deputación caracterízase pola súa beleza paisaxística e a riqueza de patrimonio cultural, sobre todo en arte rupestre, sendo un monte de referencia entre os profesionais da arqueoloxía.  

 Ata a subvención provincial aprobada este venres non existiu por parte de ningunha administración ningún tipo de actuación de valorización e protección deses bens, situación que se quere paliar coa redacción do proxecto que ten implicados á comunidade de Montes e o Concello.  

 Entre as medidas de posta en valor está a realizacióndunha correcta sinalización, determinar as medidas precisas para unha mellor conservación e disfrute polas persoas, así como a creación dunha ruta autoguiada polos petróglifos de Gargamala, mellorando as sendas necesarias e arranxando as escasas infraestruturas de uso social existentes. Tamén se inclúe dentro do proxecto a escolla de patrimonio inmaterial sobre o monte (lendas e cantigas) co fin da súa posta en valor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario