21 de out. de 2017

PONTEAREAS

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA APORTARÁ PRETO DE 100.000 EUROS AO CONCELLO DE PONTEAREAS PARA TRANSFORMAR 620 HECTÁREAS DE MONTE EN PARQUES FORESTAIS  

O vicepresidente César Mosquera destaca que os montes de Picaraña, San Cibrán-Muíños-Couso e Seixiforna-Viveiro contarán con cadanseu plan de prevención de incendios, ademais de poñer en valor elementos patrimoniais e culturais  

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra 

Foto: D.P.


Infogauda / Ponteareas

 A Deputación de Pontevedra aportará 99.307,77 euros ao Concello de Ponteareas para transformar 620 hectáreas de monte do municipio en tres parques forestais: o de Picaraña (272,91 has), o de Seixiforna-Viveiro (180 has.), e o de San Cibrán-Muíños-Couso (167,52 has.).  A intención, segundo explicou o vicepresidente César Mosquera, impulsor da liña de axudas para a creación destes parques forestais, é redactar proxectos eaplicar medidas relativas á prevención de incendios, á posta en valor da paisaxe eelementos culturais, patrimoniais e de equipamentos, xunto coa dinamización de diferentes aproveitamentos económicos.  

 A liña de subvencións da Deputación para a creación dos parques forestais vén de repartir 443.966,87 euros entre dez concellos da provincia para un total de 16 espazos. Segundo asegura o vicepresidente, “o mal estado do monte é o “maior problema ambiental de Galiza”, xa que os problemas de planificación e desleixo son “un desastre absoluto en xeral”, algo que quedou de manifesto coa última vaga de lumes. O plan de axudas provincial é, por tanto, “sumamente necesario e oportuno” xa que supón un esforzo por corrixir a situación. 

 A subvención provincial para o Concello de Ponteareas vén de ser aprobada en Xunta de Goberno, e destina 63.293 euros ao proxecto e parque de Picaraña; 28.535,57 euros á creación do parque de San Cibrán-Muíños-Couso; e 7.478 euros ao deseño do proxecto do parque ‘Seixiforna-Viveiro’. 

 Todos os proxectos para os parques forestais, segundo se estableceu nas bases da convocatoria, terán un apartado ou plan específico de medidas para a protección contra os lumes forestais, coa eliminación de especies invasoras, a plantación de frondosas autóctonas creando devasas, así como a diminución de combustible mediante a corta vertical e horizontal de masas.    

San Cibrán-Muíños-Couso  

 O parque forestal de San Cibrán-Muíños de Couso pretende abordar o monde dende unha perspectiva integral que ten en conta usos sociais, produtivos e ecolóxicos. No ámbito das medidas sociais, recreativas e de xestión do patrimonio cultural, o proxecto de actuación contempla a mellora de tres áreas de recreo -o espazo no alto de San Cibrán (Guláns), a área recreativa de Cavadiña e a de Chan do Millo (ambas en Couso)-que leva aparellada unha rede de sinalización da toponimia dos lugares máis relevantes do monte.  

 Outra das actuacións será a creación da ‘Ruta dos Penedos’ de San Cibrán, xa que se trata dun roteiro de interese xeolóxico pola existencia de penedos singulares de interese. Estes últimos, ao tamén existir en forma vertical con vías abertas, serían aproveitables para o deporte da escalada, incluso infantil en función da dimensión, polo que se plantexa estudar un proxecto específico coa Federación Galega de Montañismo.  

 Plantéxase tamén a posta en valor do conxunto arqueolóxico do Alto de San Cibrán, un recinto fortificado cunha muralla salpicada por batolitos ao longo do seu trazado en cuxo interior está a ermida e unha zona recreativa con merendeiro. As intervencións na zona consistirían na mellora do castro e recuperación da muralla, a colocación de paneis interpretativos e a plantación de especies arbustivas. Está tamén recollida a creación dunha pista de BTT para regular a práctica deste deporte no monte.  

 En canto a outros usos, fálase do aproveitamento e beneficios tanxibles derivados da produción de madeira, cogomelos, caza, explotacións melíferas, entre outras, e tamén dos beneficios intanxibles para o ecosistema. No proxecto de actuación tamén se recollen medidas silvícolas e de eliminación de especies invasoras. 

 Picaraña 

O parque forestal da Picaña definirase como un pulmón verde con excelente conectividade co núcleo de Ponteareas e coas parroquias veciñas dadas as facilidades de acceso, que permitirán numerosas actividades culturais e recreativas.  

 Ademais das habituais actuacións xenéricas de posta en valor de elementos culturais e patrimoniais, acondicionamento de espazos recreativos, de estancia e sendeirismo, e do establecemento e regulación sustentable de actividades deportivas, un dos elementos máis singulares do parque será o seu interese paisaxístico.  

 Neste sentido cabe destacar que polos valores naturais e panorámicos do monte, este tense declarado ‘área de especial interese paisaxístico’. O monte Picaraña é unha zona de moi alta visibilidade, onde se enclava o Miradoiro da Cruz a unha altitude de 346 metros que permite observar en dirección sur o centro urbano de Ponteareas, o val baixo do río Tea, o río Miño e Portugal; en dirección este as serras de San Nomedio e a Paradanta; e en dirección oeste a serra do Galleiro e os montes de San Cibrán. Ademais, dúas rutas de sendeirismo existentes (‘Ruta dos penedos de Picaraña’ e ‘A Picaraña’) permiten nos seus percorridos observar panorámicas sobre o extenso val do Tea. Por este motivo, apóstase por conservar as zonas de maior capacidade e calidade visual, eliminando enmascaramento de elementos discordantes coa calidade do parque. 

 Seixiforna-Viveiro 

 O proxecto de conversión a parque forestal ‘Seixiforna-Viveiro’ comprende superficies de monte veciñal en man común de dúas parroquias de Ponteareas (Ribadetea e Xinzo) cunha superficie forestal de 180 hectáreas. Unha pequena parte está declarada como área de interese paisaxístico. 

 A intención do proxecto de mellora é incrementar o valor da zona con especies de frondosas autóctonas. Á marxe dos aproveitamentos forestais madeireiros e cinexéticos, tamén se propón potenciar aproveitamentos diversos (cogomelos, froitos,…) para finalidade doméstica da cidadanía. Tamén se pretende a potenciación dos xacementos arqueolóxicos existentes nos que se atopan fosas, asentamentos, mámoas e parte do vello camiño que unía o termo municipal de Mos co de Ponteareas. 

 Por outra parte, ponse de manifesto que é precisa a recuperación da canteira de O Castelo, situada nas inmediacións do xacemento arqueolóxico existente, e que depende da empresa concesionaria ou no seu defecto da administración con competencias en minas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario