30 de out. de 2017

A GUARDA

As «Barferencias» retornan con novos encontros nos bares e cafeterías da Guarda 

A primeira cita será este venres, 3 de novembro, cun achegamento á vida e obra do Padre Baltasar Merino, da man de Joaquín Cadilla Castro.  


Na imaxe de arquivo, vista parcial do público que o 23 de novembro de 2012 asistiu no Celtic, barferencia titulada O urbanismo do Trega, e da que foi relator Antonio de la Peña Santos, prestixioso arqueólogo galego 
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 As «Barferencias» constitúen xa un clásico na programación de outono - inverno na Guarda. Concibidas como charlas de carácter informal, con elas preténdese espallar a cultura máis aló dos centros culturais ou salas de conferencias, trasladando así a divulgación sobre diferentes temas ós bares e cafeterías guardesas. Cada un dos faladoiros conta coa intervención dunha persoa estudosa e/ou especialista na materia a tratar, encargada de guiar a sesión.
   

 A primeira «barferencia» desta edición realizarase o vindeiro venres 3 de novembro ás 20:30 horas no local Arruaz.  O protagonista do encontro será o Padre Baltasar Merino, botánico e meteorólogo xesuíta cuxo centenario de pasamento se conmemora este 2017. O presidente de OR.PA.GU., Joaquín Cadilla Castro, será o encargado de guiar a charla, titulada «O Padre Baltasar Merino e o seu libro ‘Estudio sobre las Borrascas de la Costa Occidental de Galicia (1893)’».  

 A represión franquista, o megalitismo galego, a rasa costeira e a lamprea serán os temas que se tratarán nas vindeiras sesións, celebradas un venres de cada mes ás 20:30 horas nos bares da nosa vila. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario