11 de out. de 2017

A GUARDA

Parte do alumnado da Guarda conmemora o Día Internacional das Nenas coa obra de teatro “O Valo”  

Unha cativa que foxe da guerra e un rapaz soldado protagonizaron o espectáculo de clown creado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.  

Alumnado de centros educativos de A Guarda asistiron no salón de actos do Centro Cultural, o espectáculo de clown “O Valo”, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Nenas
Fotos: C.A.G.  

Infogauda / A Guarda

 Parte do alumnado dos colexios PP. Somascos, San José-Carmelitas, As Solanas, Manuel Rodríguez Sinde e A Sangriña asistiron esta mañá ao Centro Cultural para visualizar o espectáculo de clown “O Valo”, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Nenas.  

 Na obra, creada por Pallasos en Rebeldía para os concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, represéntase o encontro entre unha  nena que escapa da guerra e un soldado, gardián devoto das fronteiras móbiles. Esta é, así, unha peza que chama á reflexión dos cativos e cativas poñendo o foco nas fronteiras e a situación das persoas refuxiadas.  


 Compre ter en conta que o conflito en Siria obrigou a máis de cinco millóns de persoas a abandonar o país na procura de refuxio, entre as que se achan moitas menores. Elas, especialmente vulnerables á violencia, son as homenaxeadas na obra, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan aos seres humanos. 

 A tintura cómica da representación, baseada no texto homónimo de Carlos Labraña, cativou aos preto de 150 espectadores; rapazas e rapaces que se atopan cursando 1º da ESO nos centros PP. Somascos e San José-Carmelitas, e o alumnado de 6º de primaria dos centros públicos e concertados da Guarda.  

 A concelleira de Cultura, Educación e Xuventude, Elena Baz Rodríguez, presentou o espectáculo referíndose á importancia de evitar o esquecemento das guerras e das persoas que se ven obrigadas a fuxir das súas casas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario