O ciclo “Diálogos en Educación” retorna este outono con catro novos faladoiros na Casa dos Alonso
Esta terceira edición contará con catro charlas nas que profesionais do mundo da pedagoxía e a psicoloxía promoverán o debate e a reflexión sobre diferentes temas de actualidade no ámbito educativo. O primeiro faladoiro será o venres 27 de outubro ás 20:30 horas.
Infogauda / A Guarda
O ciclo de charlas “Diálogos en Educación” volverá celebrarse na Guarda este outono, contando coa participación de profesionais do mundo da pedagoxía e a psicoloxía que guiarán os faladoiros abertos ao público.
Nesta terceira edición, os encontros trasládanse á Casa dos Alonso, onde se trataran como temas principais o multiculturalismo nas aulas, o mindfulness (a atención consciente ou plena), a filosofía adaptada á infancia e as influencias neoliberais na política educativa. Esta pretende ser unha actividade aberta ao público e participativa, de interese para persoas de diferentes perfís -máis alá da profesión docente- e na que se promoverá o debate e a reflexión sobre as temáticas propostas.
Presentación do novo ciclo de charlas
A presentación do novo programa de “Diálogos en Educación” celebrouse o pasado martes 3 de outubro na Casa dos Alonso, coas intervencións do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Cultura, Educación e Xuventude, Elena Baz Rodríguez; e o doutor en Filosofía e Pedagoxía e mestre na Universidade da Coruña (UDC), Xosé Manuel Malheiro Guitérrez.
Este último, impulsor da actividade, puxo en valor a boa acollida coa que o ciclo de charlas contou dende os seus inicios, fai xa dous anos. Entón, pensouse na necesidade dunha actividade de contido educativo que fose distinta ás conferencias maxistrais. Así, o obxectivo de “Diálogos en Educación” concibiuse, explica, orientado ao debate e o intercambio de ideas, e no que os convidados -docentes universitarios- se sumasen ás conversas pola súa transcendencia, sen máis interese que contribuír ao enriquecemento común. Esta é, con todo, unha experiencia de carácter aberto na que “todos vimos a aprender e a ensinar”.
O rexedor local quixo destacar, pola súa parte, a importancia desta clase de eventos culturais e educativos que, “non sendo multitudinarios, son moi grandes pola súa transcendencia”, dado o alto nivel dos convidados que dirixirán cada un dos faladoiros e as “interesantes reflexións” que con seguridade nos deixarán, tendo na memoria a experiencia de pasadas edicións.
Nesta mesma liña, a concelleira de Educación referiuse aos convidados como “persoas dunha grande calidade humana e profesional” cos que “será sinxelo reflexionar e extraer ensinanzas de enorme transcendencia”. Coa mirada posta no futuro, Elena Baz defendeu a continuidade dos ciclos de charlas educativas, referíndose a este como “un evento precioso, dos que fan cambiar o mundo e polo que seguiremos apostando”.
Programación e temáticas
O primeiro faladoiro, co título “O multiculturalismo nas aulas, problema ou oportunidade” celebrarase o venres 27 de outubro, contando coa participación do profesor da UDC no departamento de Pedagoxía e Didácticas, Juán José Bueno. O venres 10 de novembro será a segunda charla do ciclo, co título “Educación consciente: baseada en Minsfulness”, dirixida pola psicóloga do Centro San Xerome Emiliani, Joana L. Pereira.
O profesor da UDC no departamento de Pedagoxía e Didácticas, Javier F. Rouco participará na terceira charla, que xirará en torno á “Filosofía para/con a infancia”, namentres a derradeira entrega deste outono estará dirixido polo catedrático da UDC no departamento de Pedagoxía e Didácticas, Jurjo Torres, e versará sobre as “Políticas educativas e as influencias neoliberais”, realizando tamén unha análise sobre o futuro da educación.
Os encontros serán na Casa dos Alonso ás 20:30 horas, sen límite de aforo e sen necesidade de inscrición previa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario