29 de set. de 2017

O PORRIÑO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ABRE O PRAZO PARA CONTRATAR AS OBRAS DE MELLORA DO CRUCE DA COSTEIRA EN O PORRIÑO  

A actuación consistirá na instalación dunha glorieta para ordenar o tráfico rodado e mellorar a seguranza viaria  

O orzamento da obra e das expropiacións supera os 220.000 euros  

Na imaxe á intersección da EP-2406 no Porriño
Fotos: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de anunciar oficialmente no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) a contratación das obras de mellora da intersección da EP-2405 con dúas vías municipais no lugar de A Costeira, en O Porriño. O prazo de presentación das ofertas finaliza o vindeiro 24 de outubro, e a adxudicación realizarase mediante procedemento aberto. 

 O orzamento global da actuación é de 220.336,36 euros, dos que 198.801,60 euros están previstos para a realización da obra e a cifra restante para as expropiacións necesarias. Nos criterios de adxudicación do contrato avaliaranse o programa e equipa de traballo, o plan de control de calidade, a memoria e o plan de actuacións ambientais, se ben o prezo ofertado suporá para as empresas unha puntuación máxima do 55% do total.  

Plano do cruce actual

 Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a renovación deste cruce en O Porriño para mellorar a visibilidade dos vehículos e garantir o tránsito peonil aos veciños e veciñas foi unha petición do Concello que encaixa “nas  prioridades e eixos estratéxicos da Deputación de mellora da seguranza viaria nas estradas provinciais”. De feito, indicou que a institución provincial ten en marcha un plan xeral de mellora de interseccións para eliminar puntos de sinistralidade na rede viaria propia e que esta en concreto é unha das máis problemáticas da provincia pola afluencia de vehículos pesados que se dirixen ao parque empresarial das Gándaras e ao Centro Tecnolóxico do Automóbil.  

Plano do cruce coa glorieta prevista

 O nacionalista explicou que a actuación consistirá na instalación dunha nova glorieta de reordenación do tráfico para mellorar a seguranza viaria, suavizar o trazado e mellorar as condicións de visibilidade e manobra. Para resolver a intersección ocuparansedúas parcelas privadas e unha municipal e veranse afectadas dúas construcións, un alpendre-almacén e unha marquesiña de bus na parcela municipal, cuxa demolición e nova instalación se inclúe no orzamento do proxecto.  

 Ademais, urbanizarase a zona con beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitaranse pasos de peóns e a limitación específica de velocidade baixará de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se instalarán oito luminarias tipo led. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario